Esta semana será unha semana moi especial desde o punto de vista teatral. A Fundación Luís Seoane celebra a o sesenta aniversario da publicación da peza teatral A Soldadeira de Luís Seoane. A data ben merecería a posta en escena da obra, mais a mesma presenta non pouca dificultades. En primeiro lugar, o custe da montaxe e, en segundo lugar, unha produción das dimensións de A Soldadeira precisaría de non menos dun ano de preparación para elaborar un proxecto digno do autor. Estes dous atrancos, son os que nos animaron a dar coa solución máis axeitada. O teatro sempre tirou das lecturas dramatizadas cando a urxencia ou os escasos medios impedían a celebración dunha efeméride. Por outra banda, o xéreno teatral da lectura dramatizada, ao igual que o teatro radiofónico ou televisivo, non é un xénero menor; pois posúe os seus propios códigos e unha marxe ampla para a experimentación creativa dun director. A maior abondamento, na actual Europa, golpeada pola crise, a lectura dramatizada -baixo a denominación de "dramatización"- está tendo un novo auxe, e a Fundación Luís Seoane se suma a esta tendencia, consciente de que o pintor galego arxentino sempre foi un home que se situaba na vangarda artística e no nervio do emprendedor. Recordemos que o teatro é unha arte cara. Sen embargo, non pensemos que unha lectura dramatizada mingua as calidades do texto. A posta en pé dunha montaxe profesional destas características non implica abandonar o uso da música ou de determinado vestiario e atrezzo. Todo isto acontecerá o próximo sábado na propia Fundación Luís Seoane, mais xa, o próximo xoves, o poeta e estudoso Xavier Seoane falará sobre o teatro do autor de O irlandés astrólogo como adianto á representación de A Soldadeira. Mais esta semana, este martes, no Ágora, ACAB Teatro, o grupo teatral da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda porá, con motivo de celebrarse o XX Aniversario da súa creación a peza Exilio. Pensamos que o máis sensato e atinado sería acudir aos nosos clásicos para conmemorar estes vinte anos de escenarios e paixón. Quixemos que o noso Aniversario dese pé a pensar que moitos dos motivos que levaron aos galegos e galegas ao exilio e á emigración aínda habitan no noso mundo de hoxe. Castelao, Dieste e Seoane foron os escolleitos para representar a tantos autores de teatro que viviron a tristeza da ausencia da súa terra nas súas vidas. Como ven, unha semana moi teatral e moi seoaniana. Celebrémola con ledicia, pois non sempre se poden contemplar cinco pezas diferentes dos nosos clásicos nos escenarios da nosa cidade, e facelo cunha diferenza de apenas dous días entre un evento e outro.