Un dos grandes defectos do ser humano é a vanagloria, a presunción e a pomposidade. Xa que andamos en tempo de Semana Santa e se fala as xentes falan dos valores da espiritualidade e dos valores morais que se teñen perdido, non está demais lembrar algunhas anécdotas protagonizadas por escritores e pensadores da historia da humanidade, uns crentes e outros non, pois a espiritualidade e a moral non é patrimonio só daqueles que profesan algunha relixión, dos que non profesan ningunha ou dos que aman todas. Pero imos cos sucedidos. Cóntase que sendo xa un home maior, e un reputado escritor, Mark Twain entrou nun refinado hotel dunha cidade e, ao ir a inscribirse, veu que o viaxeiro anterior puxera no libro de rexistro: "Marqués de Villamayor e o seu lacaio". Cando leu aquela frase, o escritor norteamericano anotou con sorna: "Mark Twain e a súa maleta". Gabriel d'Annunzio, ao que podemos admirar como poeta, mais non pola súa humidade, recibiu un día unha carta en cuxo sobre ía escrita a seguinte frase: "Ao maior poeta de Italia". Segundo se conta, d'Annunzio rexeitou o envío, e díxolle ao seu secretario: "Non, non é para min; eu son o mellor poeta do mundo". Houbo un momento no que na Roma clásica erguíanse demasiadas estatuas. Era unha época na que Roma era o centro do mundo e case todos os romanos ilustres tiñan unha estatua que recordaba aos cidadáns os seus logros. Un día preguntáronlle a Catón, escritor e moralista, a que se debía que a el non lle tiveran erixido aínda unha; pregunta á que este retrucou: "Prefiro que non estea a miña entre tanta como hai". "E iso, a que se debe?", preguntou outravolta o curioso. Esta vez, Catón, explicou máis claramente o seu razoamento: "Verás, porque prefiro que os meus contemporáneos me pregunten por que non me erguen unha estatua, a que a posteridade se pregunte por que ma levantaron". As anécdotas de d'Annuncio e Mark Twain falan da eiva que supoñen a vanagloria e a presunción Marqués de Villamayor e do propio escritor italiano, mentres que a de Catón fala da pomposidade das estatuas que non deixa de constituír tamén unha forma de vanagloria e presunción. A loita do home por acadar a eternidade posúe asemade unha grande dose de pomposidade, presunción e vanagloria. Parece como se a humildade e a normalidade estivesen vivindo horas baixas. Vivir tranquilo permite soñar cun estado de equilibrio, e o equilibrio do pensamento é unha maneira de felicidade. Procurar a "felicidade" dun xeito obsesivo pode alimentar os nosos defectos de carácter e acabar por crernos máis que un criado, mellor escritor que ningún outro ou ser merecedores de estatuas polos nosos logros deportivos, artísticos ou políticos. Coidado coa sona excesiva; afástanos da intimidade dos nosos sentimentos e da nosa necesaria privacidade. Paga a pena ser un rostro popular e renunciar aos silencios do anonimato? A arte, a política, o deporte hai que levalos adiante por vocación, por paixón, sen máis interese que o gozo que experimentamos ao practicalos, o outro é vanagloria, presunción e pomposidade.