Non é desas noticias que ocupan as portadas. É máis, é desas que agachan -polo menos- unha mentira. As de que Mengano dimite por motivos persoais, ou que Zutano se vai centrar en asumir novos retos. O que Manuel Bragado escribiu onte no seu blog é: "A petición propia, onte deixei de ser director de Xerais. Foi unha decisión meditada coa que pretendo volver á escola a comezos do vindeiro curso". Non vou discutir as razóns con el. Coñecino precisamente cando ía asumir o cargo, hai tantos anos que nin os sei. Presentoumo o seu antecesor, Víctor Fernández Freixanes, na área de servizo de Compostela da AP9, un deses sitios que no futuro serán lugares de referencia histórica, polo menos para moitas historias persoais.

Desde entón, Bragado consolidou Xerais como a primeira editorial do país, sacou á luz 4.000 libros (é dicir, títulos) e debeu facer bastante máis do millón de kilómetros presentándoos e promocionándoos polo país adiante. E o que é tanto ou máis importante, deulle a oportunidade a escritores -como recordaba un deles, Pedro Feijoo no seu Facebook- pero sobre todo aos lectores. Aos de Manuel Rivas, que desenvolveu con el practicamente toda a súa obra, aos seguidores dos traballos de Suso de Toro, pero tamén aos da xente que tivo a súa oportunidade, merecida ou non. 4.000 títulos son moitos, pero tamén hai eses, e ben máis, tipos de lectores. Bragado tivo que loitar ademais con tres crises de golpe. A do libro como produto, a económica e a política. A política el tena ben estudada e denunciada. Resumindo moito, consiste en que a Administración considera que as bibliotecas, as públicas e as dos centros, xa teñen unha chea de libros e non hai por que meter máis. Por conseguinte, como cliente das editoriais pasou a ter a mesma importancia que un calvo para un barbeiro. Como moito, afeitarse de vez en cando.

Supoño, ou quero crer, que quen substitúa a Manolo Bragado no volante de Xerais o fará o mellor que poida, sobre todo polo equipo que queda. Pero a impresión que me queda é que aquí soamente imos quedando os que non valemos para outra cousa. Que os bos profesionais do que sexa, da xestión, da edición, de xuntar letras, vanse tendo que dedicar a outra cousa, ou noutro sitio, de grado ou por forza. Escribíao o outro día Antón Reixa sobre os periodistas -e así aforro eu a indelicadeza de poñerme gremial- e dicía que moitos dos de prestixio emigraban porque aquí había falta de "masa crítica". Iso posiblemente fose -máis- certo nos tempos nos que se foi Wenceslao Fernández Flórez, por citar referentes en tempos democráticos, pero agora, pese a todo, por moita crise estrutural, infraestrutural ou superestrutural que haxa, hai algo máis de "masa crítica". Máis xente que consume letras, nos libros ou nos periódicos, e máis xente que vive de xuntalas. O que pasa é que quizais o que non se quere é que haxa crítica, e menos en masa, e de ningunha maneira que estea á fronte das cousas.