Gustaríame falar doutra cousa, pero non me dá o corpo. De feito, non me dá o corpo nin para falar disto, da sentencia deses cinco individuos polo primeiro dos asaltos a mulleres que cometeron en cuadrilla (non o primeiro que cometeron, senón o primeiro polos que os xulgaron). Pero menos me dá para escribir doutra cousa. De principio, non entro a valorar se nove anos son poucos ou moitos polo delito que cometeron. O código penal español non é que sexa benigno, en comparación cos da contorna. Así que para calibrar cuantitativamente o fallo, hai que mirar outras condenas. E así, 9 anos non parecen moitos en comparación cos 50 que lle piden aos rapaces de Alsasua por pelexarse con gardas civís. Neste último caso, esa petición vén dada pola cualificación dos feitos, "terrorismo de baixa intensidade", segundo a Fiscalía (que por certo, tamén contrasta cos 20 que lle caeron aos terroristas de intensidade normal que lle voaron a perna a Eduardo Madina, segundo a propia vítima). Na sentencia da "manada", o que indigna a calquera é precisamente a cualificación final. Non foi o caso de dúas persoas que coinciden polos bares de noite e logo el pensaba que si e ela que non, e acaba sendo a palabra dunha contra a outra. O texto da sentencia dá por sentado que cinco homes novos, aproveitando que unha rapaza de 18 estaba borracha, metérona nun portal e penetrárona por onde quixeron. Pero iso foi, como quen di, unha agresión sexual de baixa intensidade.

Un abuso sexual e non unha agresión ou violación porque non houbo intimidación, senón "prevalimiento". É dicir, usar unha posición de superioridade. Como o xefe que acurrala a unha traballadora, ameazando con despedila se non accede, máis ou menos. Non sei que entenderán os maxistrados por intimidación ou violencia. Pódenlle preguntar ao seu colega Llarena, que ve violencia en manifestarse ou en querer votar, aínda que sexa de mentira. Refírome, obviamente, aos poñentes da sentencia, non ao terceiro deles, o marciano, por chamarlle algo, que dedicou case 300 folios a meterse cos outros dous e concluír que aquelo foi sexo consentido. Non sei se as referencias deste home son santa María Goretti, morta en defensa da súa pureza, ou as pornos onde o se hai un "non" inicial da prota é para que a película teña un xiro argumental. Eu aposto porque son as dúas.

Os devotos do legalismo, e os que queren presumir de ler tochos de redacción indixesta, afirman que a sentencia está ben armada (igual que o estará a que a emende). Posiblemente os maxistrados nestes momentos se sintan como Gary Cooper en Solo ante el peligro, desamparados pero coa satisfacción do deber cumprido. Non creo que sexa a presión social a que teña que determinar as sentencias, pero si que o concepto legal de violación debe ter algunha relación coa realidade. Co que é ou non violación pasa o mesmo que lle pasaba ao xuíz do Supremo dos EUA Potter Stewart co pornográfico, que "quizais nunca podería ter éxito ao definilo de forma intelixible, pero sei que é cando o vexo". O que pasa é que algúns pasaron tantos anos riba dos textos legais que esqueceron que se lle aplican a xente real.