Na chamada Magna Grecia, que comprendía o sur de Italia, Sicilia, algúns portos de Cerdeña e as illas Lípari, desenvolveuse nun momento da súa historia o goberno dos tiranos. Cada cidade tiña o seu tirano particular. Esta maneira de gobernar aos cidadáns acadou a súa máxima expresión en Sicilia, e na cidade de Siracusa producíronse numerosas anécdotas deste período da historia antiga. A que lles refiro a continuación é unha das máis coñecidas. Contan que a única persoa que non desexaba a morte do tirano Dionisio en Siracusa era Hiemera. Dionisio era un tirano aborrecido por todos os seus vasalos, agás pola anciá Hiemera, que lonxe de compartir o odio popular, rezaba aos deuses pola saúde daquel déspota. Cando Dionisio recibiu noticias dos andares piadosos de Hiemera, tan favorables á súa persoa, fíxoa chamar ao seu palacio e preguntoulle con grande curiosidade que razón movía os seus actos, pois el mesmo era consciente da súa propia crueldade. A anciá, explicoulle o asunto coa naturalidade e sinxeleza que dan os anos -os anos pensados, porque os anos cumpridos non nos fan máis rectos ou sabios no noso vagar por este mundo-. Mais ou menos estas foron as palabras que Hiemera empregou diante de Dionisio e que chegaron ata nós, case dun xeito literal, pois a anécdota foise repetindo, sen deturpar a súa orixe, século tras século ao logo da historia da humanidade: "Verás, Señor, cando eu era nena tiñamos un tirano moi cruel. Preguei aos deuses que nos librarán del e ouviron as miñas pregarias. Mais nos enviaron outro que era máis ruín e malvado aínda. Pedín tamén pola morte deste; e outra vez, conseguín que os deuses atendesen as miñas oracións, e o lugar daquela besta foi ocupado por vós, que sodes aínda peor ca el. Por iso, agora, suplico aos deuses que vos conserven a vida, porque temo que o voso sucesor sexa aínda máis aborrecible que vós". Non lles soa, aínda que for un pouquiño? De Suárez, a Felipe e deste a Aznar, de Aznar a Zapatero e deste a Rajoy. Sempre pensabamos que non podía ser peor o que viñese e foino. Sobre todo para os traballadores. Como imos celebrar o Día do Traballo como unha festa, nun país con máis de catro millóns de parados? Sen dúbida que se trata dun día de reivindicación porque os motivos de alegría son poucos e os de indignación abondosos. Con todo, desexo que sexa un día de reivindicacións claras e necesarias, pero pacífico e familiar. Digo familiar, porque a situación económica do país precisa que netos e avós vaian da man, e nais e fillas tamén. Este disparate que iniciou Felipe González cos contratos de aprendiz, coa rebaixa de días de dereito a paro e co rebaixe de indemnizacións por días de traballo cotizados tras un despido, foron en aumento cos seguintes. Como dí o refrán: Virxenciña, que me quede como estou. O refraneiro popular, en numerosas ocasións, favorece o inmovilismo. E os aborrecibles, crueis, malvados e iletrados tiranos que nos gobernan saben que o medo é un dos seus grandes aliados. Ou nos liberamos do medo a vivir ou morreremos tristes. Vede aí a cuestión. Unha pancarta non soluciona unha crise laboral, pero o silencio tampouco.