Quizais moita xente non sabe que grande parte do territorio en Galicia non é estritamente público nin privado, senón as dúas cousas: é público pero ten donos privados, ou é privado pero o dono é unha colectividade pública. Son os montes comunais. É curioso como unha sociedade arcaica foi quen de argallar un sistema de propiedade colectiva da terra inalleable, e as sociedades urbanas de agora se deixen roubar diante dos seus fociños algo tan evidente como os terreos. Debe ser que teño un concepto demasiado exacerbado -e completamente errado, supoño- da propiedade territorial.

No seu momento xa me estrañou a alegría coa que as autoridades portuarias secuestraron media fachada marítima da Coruña pechando o acceso a peiraos que eran patrimonio sentimental e de uso de toda a cidadanía. E facéndoo coa escusa de salvagardar unha actividade que na maioría dos casos non se vía por ningures (salvagarda que se pasou polo forro cando se tratou de instalar negocios nese recinto, por certo). E non é por falta doutros sitios por onde pasear, senón porque supón esconderlle á cidade a visión da actividade que a construíu como tal. Negarlle á xente nova a posibilidade de ver pesqueiros, mentres os haxa, amarrados ou arribando, e non nun documental de Natural Geographic.

E sígueme estrañando a liberalidade que se toman determinadas institucións coas propiedades que no seu día lles cedeu a cidade (esta ou outras) para un uso concreto. Acuartelar tropas, impartir xustiza... se rematou o uso, en base a que permanece a propiedade, se cando hai expropiacións a particulares estes teñen dereito á reversión? E tamén a prodigalidade coa que as administracións dispoñen de terreos ou inmobles para destinalos a usos non públicos. Indo ao concreto: a Autoridade Portuaria está para xestionar a actividade ídem, pero, tamén para dispoñer da propiedade do litoral onde se vén producindo antes de que existira tal organismo? É lóxico, e/ou democrático, que o destino duns terreos no centro da cidade -como se estivesen nas beiras- se determine mediante o acordo entre dúas/catro institucións sen a que representa á cidade? Se agora se fragmentan os usos público/residencial/portuario/comercial, onde quedou aquilo de facer estanco o recinto para salvagardar a actividade portuaria? A Demarcación de Costas pode vender a praia de Riazor, ou máis exactamente, pode deixar construír na de San Amaro para mellorar as instalacións da de Riazor? E Fomento puido esixir no seu momento facer edificable o bulevar central da Castellana, ou o Parque do Retiro de Madrid, para financiar a T4 do aeroporto de Barajas ou a liña de metro ata alí?

En definitiva, de quen son as cousas? Ou mirándoo desde outro punto de vista, a quen beneficia o crime?