Motivacións imperiais foron capaces de facer de tres pacíficos santos tres cabaleiros conquista mundos, adaís, Santiago, San Xurxo e o San Martín. Montámolos a cabalo, puxémoslle capa, espada, a brandir bandeiras e erguer así a súa imaxe nos altares. Prequixotes a facer misión cabaleiresca polo labirinto do extremo occidente atlántico. Novas odiseas de santos trotamundos, desafiando canto se presenta no camiño. Deste xeito a cristiandade de herdos célticos anova a necesidade de caudillos descendentes de Breogán e sobre todo do Rei Arturo.

Conta o mito que Arturo, Rei de Bretaña (Gran Bretaña e Bretaña, a menor, en territorio galo) era fillo de Uterpandragón e de Yrgene, membro dunha saga de casta e rango fidalgo. Entre as súas medias irmáns está a fada Morgana, ambigua, sabedora de beberaxes e encantamentos, aguilloada polo odio e a luxuria. Conta o mito que Arturo foi entregado a Antor para ser aleitado pola súa muller, familia que descoñecía a súa proxenie, seguía así os preceptos do mago Merlín, profeta, señor do bosque de Broceliandia e que agoirou o futuro de quen sería rei. Arturo casou con Xenevra a Rubia, muller da que non tivo fillos lexítimos e que repartía o seu amor en adulterio co cabaleiro Lanzarore do Lago, tamén de estirpe de reis, pai de innumerables fillos ilexítimos... Son anos de loitas entre saxóns pola reunificación de Bretaña e a expansión atlántica.

A historia sitúa a Arturo con residencia no castelo de Camelot, na Britania, lugar de situación enigmática, no que se debuxa ao noso persoeiro como un curtido e pretensioso militar do imperio romano que viviu no século V, un persuasor celta romanizado, seguido polos seus leais apóstolos, os sete, como as sete nacións celtas, cabaleiros dun novo cenáculo, o da Táboa Redonda: Lancelot, Galhad, Perceval,Bors, Bedevere, Tristan, Gawain , aos que o mito lle pon reino en Avalón, illa paradisíaca que dicían daba grao e froitas sen cultivalas.

Cornualles recolle hoxe o mito e véndeo nas ruínas do castelo de Tintangel, coa cova de Merlín, como tamén en Somerset Glastombury a onde se di chegou Xosé de Arimatea co Grial, abadía na que se mostra a tumba que se di de Arturo, ao pé dun grandioso túmulo megalítico coroado por torre e que se di cristianizado por San Xurxo. Concorridos escenarios por amigos do esotérico, nos que se intúe a corte de Arturo arredor da mítica táboa, centro cosmogónico, ónfalo para un novo celtismo. Arturo como Cristo entre apóstolos cabaleiros... na procura do caldeiro e da potaxe da unidade, a cunca sacra, o Grial. E velaí unha nova odisea, ascese pra desafiar as negras sombras dos medos celtas, urco, monstros, bestas ladradoras, tarascas, xigantes, ananos, sortilexios de fadas, de magos e meigas... Repertorio céltico que os galegos atopamos labrados nos canicelos dos templos medievais, nas gárgolas, baixo as misericordias dos coros, como sorpresas negativas nese Xogo da Oca que culmina co Grial, brinde co cáliz da Última Cea, un xeito de kernos, de corno, de cunca da abundancia e da sorte, co que anovar en convivo litúrxico poderes de rexeneración.

A intención de Arturo é facer modélico o liñaxe dos reis feudais pra que impere a xustiza. Tras deles unha base espiritual de divindades do paganismo, panteísmo enmascarado pola cristiandade do medievo céltico, desafío entre o amor cortés e o adulterio, entre a selva do bosque sen retorno e a organización da corte, do ben e do mal, entre o día e a noite... retos pra os que se recorre a beberaxes, esconxuros, exorcismos, a poderes de meigas e de meigos.

O tema no que abondan os especialistas e teólogos artúricos, aconsellados guieiros para non perderse no enredo. Sen faltar os apaixonados, esotéricos, entoleirados seguidores deste xeito de serial folletinesco, patrimonio do mundo céltico, no que as bretañas, grande e pequena fixeron del proa, patrimonio e recurso.

Galiza sitúase nos lindeiros meridionais das pretensións do reino bretón, considerada como un confín belicoso, de tradicións romanas, ansiada polos inimigos de Arturo. En Galiza e máis abaixo pon o mito artúrico a xerarcas con nomes como Alipantón, Medodrás, o sabio Tomás de Toledo que era asesor de Arturo... E nesta, unha das sete nacións celtas, perduraron as lendas e os mitos con esa orixe, enguedellados pola incerteza do mar...ese camiño. A tradición galega sitúa aos exércitos de Arturo pasando entre a brétema, polas serras, en covas, deixando pegada en penedas, en lagoas, en bosques e ruínas de castelos, vagando en compaña polos montes do Cebreiro, dos Ancares, ribeirando a mesma lagoa de Antela, onde nace o Limia, o que se dicía o mítico río da desmemoria.

Ambiente artúrico, de damas e cabaleiros, atopado en lendas e mitos populares relativos á Historia de Lanzarote do Lago. Que precisa e espalla referencias a lugares, á xerarquía de personaxes, de familias coas súas paixóns e cos símbolos e as marcas que os identifican. Figuras que, con coherencia, enriquecerán o devalar literario. Asumindo que polo uso e abuso das traducións, dos traspasos e das adaptacións medievais tamén ofrecerá enriquecedoras e inesgotables variacións.

Universo artúrico coutado na chamada Materia da Bretaña ou Materia céltica do medievo. Cuestións de maxín, fantasía con fonte en vellas tradicións, pra outorgarlle unha xenealoxía con trazos precisos e características mitolóxicas propias, moi diferentes a outros mitos da antigüidade grecoromana arredor das andanzas do modélico Alexandro. Materia literaria, sabida, cultivada e anovada por escritores galegos contemporáneos como Cunqueiro, Ferrín, Xohan Cabana... e máis puidera aínda dar de si o tema.

O nome de Arturo aparece por primeira vez na Vida de Santa Columba, ou Comba, tan venerada en Galiza, obra escrita a principios do século VIII polo abade do mosteiro de Hy, un tal Adomnan e na que se describe como a santa agoira a morte de Arturo en loita. Páxinas que lle poñen a súa orixe en Escocia... Tamén o cronista galés Nennius, no 830, autor da Historia Brittonum xa se refire a Aturo como un dux bellorum de Bretaña, caudillo que combate contra os saxóns nunha ducia de ocasións, vencéndoos finalmente no Monte Badón. Acontecer relatado noutros anais, tamén entre doses de mitos que axudan a configurar a lenda no século X. Obra que ofrece referencias ás pertenzas de Arturo, ao seu can Cabal, a súa egua LLamrei, ao seu cabalo Hengroen, sobre a potencia de golpe da espada Excalibur coa que partía penedas... Aspectos que -e de xeito moi particular en Galiza pola sona do camiño de Santiago- se traspasan en cantares e contos ás andanzas de Carlomagno e do seu sobriño Roldán, belicosos guerreiros que seguen a mesma estela expansionista céltica europea.

No século XII Guillelme de Msalmesbury refírese a Arturo na súa Gesta Regnum Anglorum, como Hermann de Laón, suministradores de fábulas para ser contadas e cantadas polos xograres, sendo a Provenza o foco emisor. Na catedral de Módena (1106 ) vemos relevos sobre o rapto de Xenevra, a Arturo, a Galván... proba da súa difusión.

Quen catapulta o tema artúrico será o coengo galés Geoffrey de Monmouth na Historia Regum Britanniae, 1136, despois vertida por Wace a un xeito de saga céltica ou escandinávica, na que vencella historias, contos e lendas de autores anteriores xunto coas escoitadas ao pobo pra abrir así camiños a novas novelas cabaleirescas. Posteriormente o poeta da Champaña, Chrétien de Troyes, será o autor de Perceval, das peripecias na busca do Grial, o que con Robert de Boron outorgará unha nova dimensión que traspasará nacións. A literatura gaélica recolle e suma o que se viña escoitándose dende o século VI, como o viaxe que Arturo fai ao Trasmundo. Inacabable fío de inspiración que nos leva ás ansias do medievo céltico.