A Radio Galega vai suprimir un programa e unhas desconexións. Dito así, pois moi ben, cada medio -cada dirección- é responsable da oferta que lle ofrece a seu público, ou ao quen quere que sexa seu público, dentro das obrigas de ser unha canle pública, ou de ser unha empresa privada que xestiona unha concesión pública. Como pasa sempre nestes casos, a uns gústalle e a outros non. O mundo non se funde porque lle quiten o programa a X ou porque Z pase á cadea Y. Pero hai cambios que están dentro do que no sector se lle chama "renovar a antena" (que non é cambiar a parabólica, senón á xente), e hai outros con máis calado.

Por exemplo, cando V Televisión suprimiu Vía V, o seu programa insignia, quedou bastante claro que o que facía era sacar o tapón da bañeira, e non para cambiar a auga. Que as emisoras en cadea -é dicir, todas, quitado as municipais ou as comunitarias, que precisamente por lei non poden emitir conxuntamente- supriman espazos locais ou autonómicos non é por interese informativo, nin da súa audiencia, senón porque dándolle máis tempo ás súas estrelas mediáticas amortizan mellor os salarios que cobran, e de paso aforran persoal nas emisoras que non son a central. Quen perde? (a maiores dos que quedan sen traballo): todos os que, sendo moi importante a axenda diaria da Moncloa, do Real Madrid ou de Trump, por orde de importancia, tamén queren informarse do que pasa na súa cidade e na súa contorna, e contado por xente de alí, que sabe que Fragas do Eume non é unha poboación.

Suprimir o Diario Cultural da Radio Galega despois de 28 anos de existencia pilotados por Ana Romaní, e distribuír os contidos culturais pola programación toda pode parecer normal en teoría. Podía ser incluso unha decisión atinada ou non que o temón cambiase de mans (hai toda unha era, cando Gayoso aínda tiña pelo, quitarano do Luar unha tempada, e a cousa non pitou, pero nunca se sabe). Pero suprimilo -falo do Diario Cultural, non de Gayoso- é un grave erro. E digo erro porque non teño probas de que sexa outra cousa. A noticia de que Fulano edita un libro pode emitirse entre un balance de resultados e un accidente de tráfico, pero unha entrevista a unha escritora, non. Que libro, que película, que obra musical se debulla e se analiza en tres minutos? Home, se definimos Romeo y Julieta como dous mozos que se namoran e os pais non queren e a cousa acaba mal, sobran dous minutos. Ou Memorias dun neno labrego como un rapaz que é de aldea e traballa, e un día arréalle unha pedrada ao pijo do lugar e ten que abrirse, chega con un e medio.

A radiografía dunha cultura -que é un dos cometidos da Crtvg, segundo a súa lei fundacional- non se fai a cachiños, e o normal nun medio público é ter un, ou varios programas de referencia que constitúa unha cita para quen teña eses intereses, e máis cando os podcast non fan imprescindible que a cita sexa en tempo real. E quen di a cultura, di a agricultura, ou a pesca, sectores que en Galicia son algo máis que simplemente "produtivos" e constitúen, como o cultural, sistemas sociais en si mesmos. Pero se do que se trata é dunha aposta polo minimal, small is beatiful pódenllo aplicar tamén, por exemplo, ao fútbol.