13 de mayo de 2018
13.05.2018
O labirinto do alquimista

'Liberté, égalité, fraternité...'

13.05.2018 | 02:04
'Liberté, égalité, fraternité...'

Velaí como cabeceira tres tópicos utópicos, con lindeiros dos que cadaquén usa e abusa á súa medida. Trindade progresista con embigo tanto na Francia ilustrada do 1789 como no maio parisino do1968. Primavera aquela de barricadas e berros, de pancartas e panfletos contra os abusos dunha civilización industrial que medra en favor da produtividade capitalista e do consumo. Movemento seguido por sucedáneos fronte ás cada vez máis sutís e "democráticas" fórmulas de represión: a fraternidade ferida pola desigualdade, pola carreira de egos insatisfeitos que perverten a política, degradada en poder económico con impunidade para o enriquecemento duns en base ao empobrecemento dos demais. Rebeldes movementos de maio contra dispendios maiúsculos en contubernio coa banca, mesmo con algúns medios de comunicación que domestican ás masas. Inconformismo con raiceiras no medievo irmandiño, rematar co autoritarismo, coas arroutadas de ditaduras rebuldeiras dende as derradeiras guerras, deixando en herdo intereses "ben atados". Xerontocracias asentadas na sedutora erótica do poder, as da lei do máis forte, dos centralismos, atufadas por incensos laudatorios, adulterando a democracia, a que dende os seus principios participativos, dende a súa imperfección, debe estar sempre en devalar de revisións.

O Maio do 68 tivo que ser, inspirado en lecturas, en parladoiros de café, en conferencias e en concertos de música, cando se tentaban os primeiros transplantes de corazón e o mundo precisaba de novas transfusións, cando as tensións eran altas entre os dous bloques, EEUU e Rusia, con carreira espacial e nuclear por medio. Cando o paraíso do Vietnam se convertía nun campo de experimentación de armas e torturas, cando algunhas pequenas nacións de África ou de Oriente se independizan da Gran Bretaña, cando tamén prendía a primaveras de Praga e Mao da cimo a súa revolución cultural, cando nos EEUU se asasina ao líder de cor Luther King e ao renovador Robert F. Kennedy... e o actor Richard Nixon é elixido presidente. Entón The Beatles entoan All you need is love, a partires de entón John and Yoko cobren Manhattan con contundentes rótulos de War is over e xestos de Peace and Love. Por aquí ETA segue cos seus atentados, o papa Paulo VI condena o uso de anticonceptivos e Massiel edulcora o gris en Eurovisión. LLac espalla por Iberia La Estaca, ábrese a un novo tempo de poetas, cantoautores e amores.

Naquel maio francés obreiros, universitarios e artistas toman o Taller da Escola de Belas Artes de París para convertelo en Ateleier Populaire. Entre o sentimento solidario asomará tamén o oportunismo. Primavera na que primaban os símbolos, asumíase o que parece esquecido, a relación ética coa estética, seducir a través de mensaxes sempre válidas . Artistas e deseñadores baixan dos seus pedestais e a imaxinación pasa ao poder. Os novos profesores enfróntanse á escolástica nas aulas.

Na biblioteca esencial do novo revolucionario non falta o Libro roxo de Mao, nin O home unidimensional do hegeliano filósofo xudeu alemán Herbert Marcusse, crítico co capitalismo, con teses arredor das políticas de emancipación, da liberación da muller; tampouco faltará a obra do filósofo arxelino-parisino Louis Althusser, caracterizado polo estruturalismo, a autocrítica e xeitos de facer máis dixerible O Capital de Marx. Teorías que, partindo do marxismo e de Freud, sintetiza nun xeito de breviario de cabeceira a psicóloga comunista chilena Marta Harnecker... Todo adubado co feminismo de Simone de Bouvoir, comprometida co comunismo, co ateísmo e co existencialismo que abandeirou, tándem con Jean Paul Sartre, humanismo que proclama que o ser humano está chamado a ser libre... Entre aqueles libros non faltarán os do colaborador de Freud, o xudeu da Galitzia polaca Wilhelm Reich, que revolucionou as teorías sobre a liberdade sexual e a súa importancia para realizarse... como o O Retrato do Colonizado de Albert Memmi (1971).

Tempo en branco e negro no Estado franquista, a Longa noite de pedra dos versos de Celso Emilio Ferreiro, aínda que elas vestidas con minisaia de Carnaby street e eles con camisas de flores e pantalóns pata de elefante, entre twist e rock intercalando, como banda sonora, os temas do bardo de Minesota, Dylan e da newyorkina Joan Baez, reinando a canción gospel-pop composta por Charles Tindley, We shall overcome, coa versión galega Venceremos nós... o aplaudido clamor de Paco Ibáñez, cando xa soaba Xosé Afonso, María del Mar Bonet, Miro Casabella e aparecían as Voces Ceibes. Cantares por aquí inseparables do himno galego, e da Internacional, entre bandeiras roxas e puños erguidos. Cartaces e murais de Quessada, o humor de Xaquín Marín, entre a obra de mozos, Pepe Barro, Perfecto Estévez... A mocidade educada na OJE burlaba ao franquismo e pasaba a células marxistas, anarquistas, nacionalistas... "Galiza ceibe" era berro e grafiti.

Nos fins dos sesenta a agrupación cultural O Galo de Compostela facía honra ao seu nome, onde Beiras era imprescindible, como na Coruña agrupación cultural O Facho, en Ourense Auriense, en Ribadavia Abrente... a chegada ao Instituto de Bacharelato de Ourense do entón mozo profesor Francisco Rodríguez, en Vigo Alonso Montero e Méndez Ferrín... crean escolas diferentes de compromiso teórico e práctico coa lingua galega, co socialismo e co nacionalismo galego. Asuntos ben sabidos no Tribunal de Orden Público, o T.O.P, que abría as cadeas e o desterro, entre folgas e manifestacións na Universidade, revoltas en Castrelo de Miño, contra o encoro que asolagaba o mellor Ribeiro, seguido anos despois da restra de escándalos: a desaparición do aceite da Comisaria General de Abastecimientos y Transportes en Redondela (1972), expropiacións e dispendios que continuara ao longo dos sesenta, Encrobas, Baldaio... historias da Historia cos seus Che galegos, hoxe obxectualizadas.

Revolucións primaverais de carácter romántico, humanista, pacifistas, circulando sobre o río revolto e polo perigoso fío de consecuencias impredecibles.Tras das que está unha filosofía humanista, as que, na espiral do tempo, adquirirán novas caras fronte ás tentacións da explotación de seres humanos por outros. Indignación, inconformismo, desacougo que campou no madrileño quilómetro 0 aquel 15-M, maio do 2011 e que por algures poden prender novamente en calquera outra desas primaveras que o sangue alteran. Os motivos medran en progresión xeométrica e semella que as leccións non se teñen aprendido: as liberdades coutadas por leis feitas á comenencia, a fraternidade faise verba anquilosada en poemas, cancións e liturxias, e a desigualdade é cada vez máis abismal.

Indignación ante o paro galopante, ante os salarios, o abuso da banca e as condición de traballo abusivas, aguilloadas pola robotización do emprego, característica da xa chamada "Cuarta revolución industrial", onde as máquinas xa se programan a si mesmo e non protestan. Non cabe outra que programarse para un mundo tecnolóxico, enfrontarse co que este non da, co humanismo, coa creatividade e a intelixencia.

Non ven mal mirar á nosa curta historia, mesmo aos hábitos que fan ao frade, os símbolos pra enxergar como se comeza e como se remata: os que comezaron de pana, que conduciron unha "cabra" Citroën e remataron vestidos de alpaca, nun Audi e repetindo os tics dos avós. Agora xa son os fillos os que gobernan, teóricos de probeta, a new intelligence, citizen of the world.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook