Este vindeiro mércores, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, presentarase o volume da Obra Dramática Completa de Luísa Villalta, subtitulada, Sinfonía de escenas. O libro publicado por Edicións Proscritas, conta co patrocinio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e co da propia A.C.A.B. Trátase de facer unha achega definitiva á produción teatral da dramaturga. O xénero dramático é o menos divulgado de Luísa Villalta se o comparamos coa súa produción poética ou narrativa, aínda que o teatro, desde a perspectiva literaria e ensaística, ten sido motivo de constantes publicacións da autora. Seguíndomos a cronoloxía de edición das pezas que conforman o seu corpus creativo, o libro recolle as cinco pezas escritas por Luísa Villalta: Concerto para un home só publicado en 1989 nos Cadernos da Escola Dramática Galega dirixidos por Francisco Pillado, a quen vai dedicada a obra. O representante, publicada en 1990, O paseo das esfinxes, do ano 1991, ambas editadas asemade polos Cadernos Escola Dramática Galega, en 1991, Os doces anos da guerra, obra publicada pola Revista Galega de Teatro no ano 2001, e finalmente, As certezas de Ofelia, publicada na Revista de Teatro editada por CasaHamlet en 1999. Como ben sinala Alexandrina Fernández Otero, compiladora da obra dramática de Villalta e responsable do coidado da edición da mesma "As personaxes creadas pola autora aparecen inmersas en conflitos artísticos, existenciais ou morais cuxa dinámica vén condicionada polos seus trazos individuais, psicolóxicos e de xénero. Así, no Concerto para un home só e O representante a soidade habita o interior dos protagonistas provocando un conflito que deberán afrontar en loita consigo mesmos. No entanto, en O paseo das esfinxes e As certezas de Ofelia, son as protagonistas quen, deixando relegado o tema do amor a un segundo plano e a través da toma de decisións en constante loita co contexto, serán conscientemente conducidas á soidade. Nos Doces anos da guerra, a situación histórica da relación amorosa e o paso do tempo constitúen un dos motivos principais, mais será a drástica determinación da protagonista a que se torne no motor da acción. O elo de unión das personaxes femininas e masculinas ideadas pola nosa autora é reflectiren a imaxe da natureza humana como un territorio movedizo onde "todas as verdades se perden" en expresión de Antonin Artaud. Corresponde ao público asumir o seu papel e transitar ese espazo sinfónico con maior ou menor sensibilidade e fantasía". O próximo mércores, ademais de asistir á presentación da Obra Dramática Completa de Luísa Villalta, poremos gozar dunha lectura dramatizada de Os doces anos da guerra contando coa presenza da actriz Manuela Varela no rol de Silvia, a protagonista da peza. Será un bo aperitivo para o que sucederá o mércores día 23 de maio no Teatro Colón, cando se estree O paseo das esfinxes un espectáculo de gran formato no que participan doce actores e actrices. Por fin, o teatro de Luísa Villalta verá a luz nun espazo e cuns profesionais á altura do esforzo da súa escrita.