Este mércores, 23 de maio, no Teatro Colón, a compañía Teatro Proscrito porá en escena O paseo das esfinxes de Luísa Villalta. Trátase dunha coprodución na que participa a Deputación de A Coruña, Manarte Producciones e o propio Teatro Colón. Un espectáculo de gran formato cun talentoso elenco, encabezado por Sabela Hermida, quen interpreta a Lisis, a protagonista da peza. A obra supón un achegamento da autora ao teatro poético contemporáneo e ao drama clásico tanto na concepción do marco escénico, plasticamente dinámico, como no tratamento da personaxe principal, Lisis. Nas indicacións escénicas iniciais, a disposición do decorado, que asume o espectáculo como motor visual da acción, proporciona unha imaxe do universo mental ideado, e a súa división en dúas partes antagónicas, sinala metaforicamente a confrontación na que se estrutura o contido da historia.

Un decorado do que formará parte unha canción que funcionará como leitmotiv no discurso integral da proposta dramática. O Paseo presidido polas esfinxes, personaxes desrealizadas cuxo rol remite sutilmente aos antigos coros, produce no público un efecto de familiarización e distancia crítica co espírito tradicional e inmobilista que representa, mentres o Camiño que se perde ao fundo, misterioso e incerto, simboliza o universo persoal do desexo a satisfacer. O último cadro amosa un espazo escénico degradado polo paso do tempo acorde coa nova situación da protagonista cuxa "túnica negra desgastada" contrasta plasticamente coa vestimenta vital coa que se apresentara ao público na primeira parte da peza.

A escritora utiliza novamente a técnica do monólogo para converter a Lisis en narradora das experiencias vividas ao longo da súa etapa de madurez e vellice. Nese tramo do seu percorrido vital, a protagonista interpela ás sombras das esfinxes na evocación da infancia perdida, da emoción inocente do primeiro amor e dos desexos inefábeis que nela producía "aquela canción que falaba do mar". Mais a súa voz, con convición e sen amargura, establece unha intensa comunicación co público cando expresa os sentimentos e reflexións que proporciona a elección dun camiño persoal autónomo e incerto.

Actitude vital que devén unha continua procura de instantes de plenitude que se esvaecen tan rapidamente como as ondas do mar borran as pegadas humanas deixadas sobre a area. Xunto con Sabela Hermida, Amalia Gómez, Rebeca Montero, Isabel Blanco, Manuela Varela, Ana Rodríguez, Pedro Picos, Xosé Bonome e Javilópez, completan o reparto dunha obra que pretende ser unha grande homenaxe á figura de Luísa Villalta, poeta e dramaturga coruñesa e universal, á que a Dama da Noite visitou prematuramente privándonos da súa compaña e do seu talento. O paso do tempo e o mar sempre estiveron presentes nas súas creacións, como ben o amosa estas palabras que Lisis pronuncia ao remate de O paseo das esfinxes: "Durante un tempo vivin nunha casa, perto do ma, onde acaban todos os camiños. Os barcos entraban e saian de xeito que a cidade era diferente cada mañá.