Hoxe é o primeiro día que Mariano Rajoy durmirá fóra da Moncloa (é un dicir, espero que haxa sentidiño e non se produza un desafiuzamento exprés). E pasarán moitas cousas en moitos sitios, pero nun deles é no PP. Pese a eses análises un tanto tremendistas que o comparan con UCD e o seu fatal destino, compendiados nesa esquela que circula por aí, anunciando a súa defunción o día 1 de xuño de 2018, o PP é o partido máis organizado do Estado, e o máis votado. E xa pasou as crises de crecemento e decrecemento de calquera organización. En resumo, que nin vai desaparecer, nin vai deixar de ter un papel importante. Ou sexa que terán que decidir que facer. O tipo de oposición xa o definiu Rafael Hernando, duro e á xugular -goberno Frankestein, amigos de etarras, etc-. O que non está claro é quen vai ser a cabeza. Nestes casos, hai que botar man dos clásicos. E quen mellor que Shakespeare. En concreto, King Lear.

O Rei Lear vai dos problemas de sucesión do monarca que se chama así, que reparte o reino entre tres fillas, Gonerilda, Regania, e Cordelia, segundo a calidade ou cantidade do amor que lle teñan. Gonerilda e Regania xúranlle que o queren a dolor, como sería de prever, pero Cordelia vai de legal e dille que o quere como a un pai e punto pelota. O vello mosquéase e reparte o reino entre as dúas maiores e despide á pequena sen a lexítima sequera. Acto seguido, di que vai quedar cun séquito pequeno (cen homes) e que pasará a vivir alternativamente na casa das dúas herdeiras. O lector actual sabe que eses amaños raramente dan bo resultado, porque se repartiches a herdanza, aló foi o cariño. No século XVII debía ser o mesmo, polo menos na realeza de ficción, porque as irmáns sácanlle o séquito e trátano fatal, ata que o vello se bota ao monte, só e medio tolo. Ben, hai logo unha chea de peripecias, con maridos que non se enteran, xente disfrazada, alianzas que se fan e se desfán e batallas. Aí está a Wikipedia se queren saber os detalles, e mesmo poden atopar a obra enteira en internet ou nas librerías. O caso é que acaba morrendo tutti quanti, os malos todos e unha chea dos bos.

Eu non digo que a sucesión no PP vaia ser así. De entrada porque Mariano Lear, entre os poucos sinais que emite non está o de que pensa retirarse. Pero os papeis de Gonerilda e Regania cádranlle redondamente á exvicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz, e á secretaria xeral, Dolores de Cospedal. Soamente temos o rol de Cordelia sen asignar. Tal e como se está portando ultimamente, sobrio, comedido, sen sobreactuar creo que Alberto Núñez Feijóo dá perfectamente o perfil. Quizais teñan razón eses que en Madrid lle ven posibilidades. A min, desde logo, paréceme o antídoto perfecto contra Albert Rivera. Claro que Cordelia acaba morrendo. Ao mellor, quen fai o papel de Cordelia é Rivera, e Feijóo é o viúvo, que queda para herdar o reino. Teño que ler a obra enteira, a ver.