Y mira que era fácil!", débese estar aínda asombrando Pedro Sánchez cada vez que se percibe como presidente Sánchez. Efectivamente, se fixera caso do que certificaban con rigor notarial editoriais e tertulianos, Pedro Sánchez seguiría desaparecido, co seu partido esvaído entre seguir sendo ou non o apoio progresista do PP para "os grandes temas de Estado", perdendo contacto e empatía cos nacionalistas moderados de aquí e acolá e vendo como os seus socios necesarios, Podemos, continuaban empeñados en baixar a súa contribución electoral ao "cambio". Pero coa sentenza da Gürtel, alguén, ou algo, lle debeu soprar na orella que os tempos eran chegados, que ou vai ou racha, e presentou a moción. Pois, contra o que dixeron na sesión do Congreso os censurados (PP e Cs) e seguirá dicindo a opinión pública e concertada, nin fixeron falta pactos cos vendepatrias nin cos que queren romper España nin cos que sempre pasan por alí a ver se cae algo. Unhas boas palabras para cada un a cargo do candidato, as xa sabidas proclamas dos agravios máis que coñecidos por parte dos potenciais apoios, e hala, Mariano, a Santa Pola. "¡No me lo puedo creer!", pensou de certo mentres Monedero lle daba na chepa en plan colega.

Paréceme ben que a clase dirixente estea contenta, sempre que non sexa porque deu amolado ás clases dirixidas, pero esa facilidade déixame un punto de intranquilidade. Explícome. En calquera investidura que non se produza por maioría absoluta, o investido ten que chegar a un acordo cos investidores, nunca mellor dito na acepción galega: dan o seu voto á espera duns rendementos para os seus representados. A quen lle pareza mal unha cousa ou outra (que alguén poida gobernar porque dá xuntado máis apoios sen ser o máis votado, ou que os grupos políticos acheguen os seus votos a quen lles promete máis vantaxes para os seus territorios ou sectores), esas son a regras do xogo en todas as democracias coñecidas, mesmo nas de sistema maioritario, nas que o presidente/primeiro ministro se escolle nunha cámara.

Pois resulta que aquí, como sector ou territorio, temos unhas cuestións que non foron negociadas. Algunhas -a anulación ou non prórroga da concesión de ENCE na ría de Pontevedra- foran ofrecidas por Pedro Sánchez naquel primeiro intento de decembro de 2016 que non callou. Outras non. Como aquí nada se negociou, non sabemos que vai pasar con todas esas cousas polas que pasamos piando nas páxinas todo o ano. Coa fachada litoral da Coruña, se nola van vender polo noso ben, o saneamento da ría do Burgo e ese millón que lle dedican en cada exercicio, o AVE... Ben, o AVE xa sabemos que vai estar baixo da ollo da Xunta e dos poderes fácticos. Relaxaron un pouco un control sobre as súas obras e as súas pompas nos últimos tempos, confiando que entre gobernos amigos non nos vamos pisar o rabo, pero agora de seguro que estremarán o celo. Iso é o que imos sacar, as protestas que antes non houbo.