Este artigo, ben se podería titular O esperado regreso de Hector Francesch. Porque había tempo que o pintor coruñés e universal non nos agasallaba coas súas creacións. Estaba no seu laboratorio de ideas planeando unha nova sorpresa para os seus concidadáns. Nun laboratorio digo, porque el é un profundo amante daquel Laboratorio de Formas que inventaron Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. E aquí me paro. Luís Seoane. Para Héctor Francesch todo empeza aquí. En Luís Seoane. Unha clase no instituto onde lendo libros de literatura galega se atopa coas ilustracións que para estas obras fixera Seoane, e comeza a imitalo. Comeza a debuxar mulleres imitando o estilo do gran pintor galego-arxentino. É aquí cando Francesch toma a súa primeira decisión importante e que marcará a súa traxectoria como artista para sempre: "Eu non quero pintar sempre o mesmo cadro". E para conseguir isto iniciou un camiño de experimentación de busca da linguaxe das súas pezas. E esta busca lévanos a observar que os seus cadros precisan de contidos, que ao igual que non pinta nunca o mesmo cadro, tendo un estilo ben definido, resulta que son tremendamente diferentes entre si, e cada un garda un segredo un reino propio cunha mensaxe ou unha reflexión que chega aos demais meridianamente. O que está claro, e como el mesmo dí: "O que non busco é pintar estampitas". As tintas planas son un sinal de identidade de Francesch, ao igual que o uso de rodillos e dos outros elementos a demais dos pinceis para construír a súa obra. Hai tempo que non pinta con lapis e papel e iso de se debe a que hai uns catro ou cinco anos, o pintor abriu o seu abano de investigacións artísticas. Os seus cadros de corredores son un reflexo da velocidade da nosa sociedade e un berro de denuncia de cómo está a súa profesión, a mesma arte. Pois dignificar a profesión, case desde un punto de vista sindicalista é outra das súas teimas. E con razón. A ironía e o humor sempre están presentes nas súas imaxes. Habita na resistencia, na trincheira da denuncia pero faino cun sorriso pícaro e limpo, sen gardarse xogadas ocultas. É unha pintura clara, aberta, plagada de horizontes e de destinos. Cada cadro parece que busca encontrar unha meta. É un autodidacta, un artista que vive do erro, da necesidade de equivocarse para medrar. O mundo do pop e do comic e dos debuxos animados habita nas súas creacións. Mais non só iso é tamén un profundo coñecedor da pintura clásica, e así o demostra na súa versión da Augadora de Velázquez. Agora, chega ata nós, cunha exposición no Museo de Are Contemporáneo de Gas Natural Fenosa, titulada Suite coruñesa. Non a perdan. É un paseo tremendamente gratificante polo cotidianidade da nosa cidade, convertendo a esta nun feito único e universal. O pintor que dixo aquelo de "os bares son para tomar cañas e café, non para facer exposicións", volveuno a conseguir outra vez, non pintou sempre o mesmo cadro.