A xeración dos nosos avós pasábanlle cousas, mesmo cousas tremendísimas e terribles, pero non tantas como a nós. Podían sufrir, e de feito sufriron, unha guerra, ou penurias sen fin, pero polo demais, a vida exterior era una rutineira continuación de días facendo máis ou menos o mesmo, arrodeados da mesma xente, moita dela á que ver e morrer. Agora, ademais de partidos do ano con periodicidade mensual e vodas principescas -normalmente británicas, que aquí acabaron como acabaron- do século cada tres ou catro anos, a historia pasa a velocidade de Moto GP. Tan rápido como esa película de 20” que resume toda a túa vida que din que ves cando pensas que a vas perder.

Por exemplo, un neno ou nena da Coruña que nacera a mediados de 1983 podía ter rematado a carreira aos 23 anos sen coñecer outro alcalde da súa cidade que Paco Vázquez. Nas catro décadas nas que as urnas son legais en España, en máis de tres a opción era enchelas -nas xerais e na maioría das outras- con votos a A ou a B ou senón a “particularismos”, que dicían no franquismo. Agora, como dicían nos folletíns decimonónicos, “los acontecimientos se precipitan”. Desde que se foi Paco, polo goberno da Coruña pasaron todas as opcións políticas posibles, e desde hai dous anos, a opción electoral de tortilla con cebola ou sen cebola ampliouse a paisana e francesa. E a semana pasada, Mariano Rajoy levaba camiño de ser campión mundial de inmersión sen osíxeno e España ese país no que se os cidadáns fosen negros votarían ao Ku-Klux-Klan, e de pronto, parece que todo iso de derruba con unha moción de censura como quen presenta unha instancia. E non pasaron dous días e xa hai enquisas que din que, con respecto ás eleccións de hai un ano, o PP perdeu 900.000 votos, máis ou menos os mesmos que ganou o PSOE, mentres Unidos Podemos recuperou case 450.000 apoios que fora perdendo desde entón, e Cs quedou como estaba. Ou sexa que ter de presidente a Pedro Sánchez fixo que o electorado progresista medrara -ou se mobilizara- en case millón e medio de votos.

Noutra orde de cousas, máis importantes, o achegamento Cataluña-Madrid (si, eses son os termos esenciais da confrontación) ven producido porque o equipo do madrileñismo nun senso amplo, o Real Madrid, grande de España e triunfador de Europa, faille unha xogada, e non precisamente deportiva, á selección española. Conseguindo desa forma que sexa un xogador do Barça, Iniesta, quen actúe de adestrador de verdade, mentres de marcar os goles se encarga un brasileiro do rival do Real Madrid, Diego Costa. E moitos madridistas chegan á conclusión, acertada ou non, de que Cristiano Ronaldo se tira.

Non sei se será que estamos consumindo historia por riba das nosas posibilidades, ou que hai unha demanda tremenda de acontecementos históricos, pero todo vai como un raio. Este ano, por exemplo, aforramos unha estación, a primavera. E mesmo os mundiais, que antes duraban case un ano, entre preparativos, realización e secuelas, van ser un visto e non visto. Xa o verán.