Creo que ter o gatillo fácil á hora de cualificar de nazi ou fascista a algo ou alguén é a mellor forma de trivializar un fenómeno que foi, e é, moi grave. Non chega con ser xenófobo ("hostilidade cara aos estranxeiros e cara a todo o que vén do estranxeiro", segundo a RAG), nin sequera racista ("a teoría que sostén a superioridade dunha raza e o seu dereito a dominar as outras razas"). O nazismo e o fascismo foi todo iso é bastante máis. Pero dito isto, creo que estamos, como dixo o outro, "aí, aí". Nuns sitios, como en Italia ou Estados Unidos, estáno cara os de fóra, e noutros, como Polonia e Hungría, tamén cara os de dentro. E as dúas parellas de países -os seus gobernos- citados non son os únicos onde aniña a serpe, pero si onde xa despunta a cabeza fóra do ovo.

Nesta mesma semana, nas últimas horas, producíronse feitos difíciles de entender nun contexto civilizado. A decisión de Trump de separar aos fillos pequenos dos que tentan ingresar ilegalmente nos EUA e metelos en gaiolas -2.300 nenos desde maio- so ten precedentes, que recorde, cando vendían de forma independente os escravos negros dos fillos -e non sempre-, e a separación das familias que se facía ao ingresar nos campos de exterminio nazis. Consecuentemente, os EUA abandonaban o Consello de Dereitos Humanos da ONU. A orde de anulación en realidade ten menos efectividade real que a visita (voluntaria ou suxerida) de Melania Trump a un centro de acollida modelo en Texas. A realidade é que o Departamento de Xustiza pediulle axuda ao Pentágono para usar as bases militares como "aloxamento" e mesmo os xuíces militares para axilizar as vistas. Incluso están tentando derogar a lei que establece que os nenos poden estar un máximo de 20 días en centros de detención.

O de Italia é a volta á chulería mussoliniano-berlusconiana. Se hoxe Libia é, máis ca un país, unha ruta de escravos que comeza na África negra e, mediante territorios controlados por sucesivas mafias tribais, lanza a mar camiño de Europa o que o ministro Salvini chama "carne humana" foi grazas aos esforzos combinados de estados europeos, entre eles Italia, por levar a "democracia" a aquel país. Que ese ministro, responsable de controlar as organizacións criminais máis asentadas -e máis exportadas- de Europa, como a Mafia ou a Camorra, se permita ameazar a un periodista Roberto Saviano, con retirarlle a escolta por ser crítico co goberno é algo que o debería obrigar a saír -a el- da casa cunha bolsa na cabeza.

Hitler non gañou outras eleccións que as que el organizou -despois xa non houbo outras- e Mussolini recibiu a presidencia de mans do rei Víctor Manuel III, pero os actuais gobernos dos EUA, Italia, Polonia, Hungría escolleunos a cidadanía, e precisamente porque dixeron o que habían acabar facendo (ou polo menos non o ocultaron). Así que ao lado do que hai, o das correaxes, os uniformes e os desfiles ata tiña o seu punto. Gustaríame escoitar agora a algúns deses gurús do canto peor, mellor, que dicían que tanto tiña Trump como Obama, ou Hillary, como se todo o que non fose 9 ou 10 fose un suspenso.