Ata agora eran noticias que chegaban desde lugares remotos. Quince individuos violan a unha muller nun autobús na India. En México DF unha banda de delincuentes violan a dúas amigas que saían dunha cafetería. En Somalia, Chad, Senegal, Nixeria, etc., as violacións en grupo suceden con moita frecuencia.

Aquí, na nosa cidade, hai uns anos, non moitos, catro subsaharianos violaron a unha muller na praia do Orzán. A nosa veciña corría polo paseo marítimo e de súpeto, zas! A súa vida mudou. Pero agora non sucede noutros países, nin tampouco son persoas doutros países os que se dedican a violar ás nosas compatriotas en grupo. Agora son xentes nacidas e teóricamente educadas en España, en Sevilla.

O seu paso pola escola e a disciplina moral que recibiron dos seus pais debeu ser nula. Ou simplemente non os respectaban e os consideraban uns vellos.

Eles si que son arcaicos, casposos, vulgaridade cargada de misererabilidade e fedor a excrecencias. Xa chamarse La Manada é toda unha declaración de intencións.

Non son individuos, son unha xauría humana. Tamén destila unha profunda covardía. Se non fan as cousas en grupo non son ninguén.

Que moderno resulta o Renacemento e antigos estes memos intoxicados por internet. La Manada nunca debeu saír do cárcere. Hai risco de fuxida? Si ou non. Hai risco de que reincidan? Si. Sen dúbida que si. Todos os delincuentes, tanto narcotraficantes como violadores que quedaron libres nos últimos dous anos reincidiron. Foi moi baixa a fianza? Excesivamente baixa. Que se pretendía, premialos, poñéndolle unha fianza absolutamente asequible para as súas economías? E logo, que imaxe da España? Dos cinco bestas, un é garda civil e outro militar. Por cousas moito menores se ten expulsado a soldados e gardas de ambos corpos. Espero que non haxa piedade neste senso. E claro, que paga parte da fianza? Os radicais do Sevilla.

Entre bobos anda o xogo. Os energúmenos dos campos de fútbol unidos aos violadores. Animalia pura. Ademais La Manada era reincidente. Por favor. E aínda por riba, os noxentos programas sensacionalistas da televisión xa anuncian programas nos que pensan levar a membros de La Manada para ser entrevistados. Pobre rapaza. Que horror. Non se respectou o segredo da súa identidade e agora estes bárbaros dedicaranse a dar a súa versión para maior escarnio da familia da vítima e para escarnio de todas as mulleres e homes decentes de este país. Viven na Idade de Pedra e cren que pertencen a unha xeración dixital. Non hai nada peor que darlle unha ferramenta útil a un inútil. A sociedade non debe parar ata que este espanto conclúa. Polas nosas aboas, polas nosas, nais, as nosas irmás e as nosas fillas esta protesta non debe parar, non nos podemos dar o luxo de que pare. La Manada non pode andar libre. Son un perigo para o mundo e para as relacións humanas sans. Son lixo e como tal deben ser tratados. O noxo que provocan é tal que o vómito venme á boca só de pensar que existen. E xa non teño ánimos, nen forzas para seguir falando desta turba infecta?