Non sei cando comezou ese invento periodístico -debe ser periodístico- de que os artistas, os escritores ou a xente coñecida en xeral morren sempre por tríos. Supoño que, como todas as crenzas, refórzanse cando efectivamente se cumpren, e óbvianse cando non. Nestes últimos días, desafortunadamente, na Coruña cumpriuse, e fóronse, por orde de desaparición, o primeiro secretario xeral do PSdeG José Luis Rodríguez Pardo; o escritor, premio Nacional de Literatura e amigo Xabier Puente DoCampo e José Luis Meilán Gil, ex rector da Universidade da Coruña e ex moitas cousas máis, porque a súa figura atravesou toda a Transición. Os tres foron figuras importantes na Galicia do último cuarto do século XX e no que vai deste. De moi distintas formas, politicamente enfrontadas -dereita, esquerda, nacionalismo- e mesmo vitalmente contrarias, pero o tempo histórico permitiulles ter algo en común: a defensa de Galicia.

A Rodríguez Pardo recordábamo non hai moito Manuel Murillo, que foi secretario xeral do PSOE histórico, porque compartiron despacho, o primeiro no que confluían os avogados de esquerdas de forma máis ou menos aberta. Rodríguez Pardo fora, como Fernando González Laxe -que non era avogado, pero andaba por alí- dos fundadores do Partido Socialista Galego, de ADEGA e da Asociación Cultural O Facho (que volvería presidir nos seus últimos anos). Tamén foi dos que deixaron o PSG de Beiras para ir ao PSOE de Felipe González e formar o que hoxe é o PSdeG-PSOE. O avogado coruñés foi o primeiro secretario xeral da federación galega, e sempre foi un referente da súa facción galeguista. Formou parte daqueles do Estatuto dos 16, os outros tantos representantes de diferentes partidos de dereita a esquerda, de AP ao PT, que a iniciativa do presidente preautonómico Antonio Rosón pretendían dar forma xurídica ao dereito de autonomía de Galicia como nacionalidade.

O camiño de Meilán, tamén coruñés, pasou tamén pola constitución do Estatuto, pero comezou de moi distinta forma, nos altos cargos do franquismo. Tan altos como secretario xeral técnico de Carrero Blanco na presidencia do goberno, entre outros. Adiantouse a Fraga en ver por onde sopraba o vento e fundou o Partido Galego Independente, que integrou en UCD. Pese a iso, defendeu nas Cortes que Galicia puidese acadar o autogoberno pola vía rápida das nacionalidades históricas, opúxose á rebaixa de competencias promovida polo goberno do seu partido, e conseguiu in extremis que a UCD negociase co resto dos partidos, dun lado e doutro, un estatuto similar ao do País Vasco e Cataluña. (Sei que é un resumo un tanto trangalleiro dun proceso complexo, pero visto en perspectiva, é como un timelapse). Meilán acabou metendo o PGI en Coalición Galega e atopando acougo na reitoría da recén creada Universidade da Coruña.

No caso de Xabier DoCampo, a defensa de Galicia víñalle de serie, como mestre e como escritor. Ata tal punto que se confesa optimista polo futuro da cultura galega, porque a ela consagrara a súa vida, "e se non ten futuro, sentiría que a miña vida foi un fracaso". O martes pasado, no tanatorio no que repousaban os restos de Xabier, un xornalista amigo contoume que estaba preparando algo sobre Meilán Gil e preguntábame por unha vella entrevista que eu lle fixera. Só me lembraba de que, despois de que estivese de neno un tempo en Ponteceso e viñera falando galego, a nai prohibírallo, "e agora, xa velliña, é no que falo con ela". Tamén de como unha vez o tentara unha estudante nos Estados Unidos... Sorrimos, sen sospeitar que, a tal hora, Meilán estaba xa por riba de calquera tentación.