Todo empezou en RNE. Eu daquela andaba por Radio Cadena Española e compartíamos o mesmo edificio en La Terraza, e antes en Catro Camiños, e observaba como o meu admirado actor e compañeiro de dobraxe Tuto Vázquez ía ler uns contos, escritos por outro señor barbado aos estudos da emisora. Ese señor barbado era Xabier Docampo. Logo viñeron as lecturas dos seus libros, as conversas na libraría Lume e os compartires das nosas mutuas doenzas. Pero antes deste aspecto, que tanto nos uniría, Xabier e máis eu fixemos algunhas cousas xuntos arredor da cultura deste país. No ano 2012, o amigo Docampo tivera a idea de tomar os bares da cidade con poemas e contos e música. Inmediatamente púxenme ao seu servizo e deseñei un pousavasos para a ocasión. Un pousavasos que se deixaba en todos os bares e cafeterías que colaboraron prestando os seus locais para a iniciativa. O local de Alexandre Bóveda foi o centro de operacións e Miguel Mato e Olga Patiño os nosos compañeiros de viaxe na organización de todo. Músicos, actrices e actores, poetas, narradores lanzámonos polas tabernas da cidade a expresar en galego os nosos sentires e creacións. Non uns tras outros. Tratábase de que ao mesmo tempo en varios bares, as letras de cantigas e textos literarios soasen en galego para celebrar o Día das Letras Galegas dun xeito diferente. Logo veu a chamada de Raúl Besada, o delegado de Tierra de Hombres para Galicia, quen a través da Editorial Everest nos propuxo a ambos iniciar unha colección solidaria, cuxos beneficios de recadación fosen para a ONG. Xabier escribiu un libro precioso Mans con fotografías do seu fillo Daniel e un servidor fixo o propio cun texto titulado O botín da miseria, con debuxos da miña irmá María Braxe. Todo quedaba en casa. Era tamén algo familiar. A ambos nos gustou a idea de que fose así. Eran catro corazóns que latían aos mesmo tempo. Unha maneira de unir máis a nosa amizade. Despois chegaron as doenzas. Ou xa estaban, pero aínda non falábamos delas. Agora a súa tremenda capacidade oral e imaxinativa xa non estará más que na miña evocación e na de todos e todas aquelas que o escoitaron, o leron e gozaron do seu trato discreto e exquisito. Quixen falar do amigo, non do escritor. Para coñecer a este con entrar en Internet terán vostedes información de abondo como para mercar títulos e títulos da súa creación. Unha creación chea de inventiva, de tradición oral, de contos eternos e maxia da palabra. E non quixera rematar este artigo de hoxe sen lembrar a outro prezado amigo Xosé Luís Rodríguez Pardo, o socialista de perfil galeguista, o fundador de tantas plataformas que aínda hoxe continúan vivas, Adega ou a Asociación Cultural O Facho, da que nun tempo tiven a honra de formar parte da súa xunta directiva con Manuel Rivas e Miguel Anxo Fernán-Vello entre outros. Rodríguez Pardo, sempre tivo un talante garimoso e acendidamente galeguista. Sempre abrazou como Xabier a causa do idioma de Galicia e sempre soubo distinguir quen era unha persoa implicada coa nosa cultura e quen era un arribista. Unha semana dura. Unha semana de adeuses aos amigos. Unha semana de esperanza. Porque o seu exemplo sempre será esperanzador. Apertas, meus irmáns.