Como nas boas series non autoconclusivas e nas películas de suspense, as primarias para a elección de presidente do PP remataron cun final que en realidade non o é, senón un "continuará", é dicir, un teórico final para que respiremos e aliviemos a tensión (vaiamos ao baño ou deamos agardado ata a próxima semana), pero que nos subministra novas claves e novos argumentos a considerar. Se isto fose Juego de Tronos, Cersei Cospedal quedaría fóra de xogo, Soraya Lannister triunfa e Pablo Snow sobrevive máis que rufo, pero nunca se sabe que vai pasar. Se Cospedal maquinará unha vinganza desas que deixan a pantalla perdida de hemoglobina, ou se retirará a un reino menor a lamber feridas e ver de facerse cuns dragóns para agardar épocas mellores. E se os outros dous se dedicarán a buscar aliados ata debaixo das pedras ou seguirán os seus instintos guerreiros e se botarán unha ao outro, e o outro á unha como se estiveses disputando o trono da Moncloa de verdade, e non unha opción a ocupalo, ou non, a medio prazo.

Fóra dos símiles con calquera serie (vale Juego de Tronos, pero tamén valería Aquí no hay quien viva) e volvendo á aburrida realidade, o PP sacará as súas conclusións do proceso -agardo que positivas- pero desde fóra tamén se poden sacar outras -ou as mesmas, depende das que saque o PP-. Unha é que a potencia sen control non vale de moito, pero menos vale ao revés. Ter o control dun partido -o PSOE antes, o PP agora- é mellor que non telo, pero non garante moito nestes tempos nos que a maioría da información non é unidireccional, e cada un organiza o fluxo de datos como quere (o que tampouco garante nada parecido a estar máis e mellor informado, por certo). Quero dicir que o militante, mesmo o militante con pedigrí que paga as cotas e se inscribe para votar está máis a monte. Mesmo as consultas últimas de Podemos tiveron unha contestación do 30%-40%, incluso cando ninguén promovía esa opción.

Non estou na pel de ningún votante nas primarias, e moito menos na de todos, pero creo que a elección nas primarias foi entre quen prometía que o PP volvería ao Goberno -Soraya- e quen certificaba que o PP volvería a ser o PP de los buenos y viejos tiempos -Casado-. A división de xénero non tiña por ser necesariamente así, pero cadra: era escoller entre mamá, o calor acolledor do seno materno, e papá, a man dura que algúns demandan nos momentos de dificultade. Non sei que negociacións se producirán de aquí ao congreso do día 20. Se haberá amaños ou rupturas, se se manexarán dosieres ou ofertas que non se poderán rexeitar. O que si vai pasar é que a ver en que queda ese eterno argumento de "respectar ao máis votado" e contra "as alianzas de perdedores" que sempre invoca o PP. Porque estas primarias do partido conservador teñen exactamente o mesmo mecanismo que a elección de presidente ou de alcalde: escolleron a quen logo ten a potestade de elixir a quen consideran.