Amin coa actualidade española pásame o mesmo que coas series: que prefiro velas por xunto, e non andar agardando unha semana para ver o próximo capítulo. A ver se en 20..., cando esta sexa unha sociedade normal, se é que algunha vez pasa, fan unha serie e se pode ver todo nunha maratón de seis ou sete temporadas. O capítulo actual está centrado na mordida dunha chea de millóns de euros que, segundo a "amiga entrañable do Rei emérito, Juan Carlos I", cobrou o monarca por facilitar a adxudicación da contrata do AVE La Meca-Medina a unha empresa española. En realidade, esta é unha subtrama clásica na serie Democracia en España: a fortuna oculta e inexplicable do agora chamado (o New York Times calculáballa hai seis anos en 1.800 millóns de euros).

Este novo capítulo vén sendo un crossover (un episodio no que se mesturan accións e protagonistas de dúas series) entre Los Borbones somos gente honrada e La otra cara de la ley, centrada nas peripecias non exactamente legais das forzas e corpos de seguridade do Estado. Pero no que respecta a Los Borbones..., hai quen considera que a emisión deste episodio, Las revelaciones de Corinna son unha boa oportunidade para debater outra vez máis a cuestión intocable: a forma concreta do Estado Español, se monarquía ou república. Eu non son deses. Eu creo que unha institución está á marxe da honradez ou eficacia de quen a ocupe. A monarquía é unha institución esencialmente non democrática -e máis, como no caso da española, cando quen a representa é ininputable, non responde nin ante o Parlamento nin ante os Tribunais- e tanto ten que a ocupe Landrú (non confundir con Mambrú) ou o Estrangulador de Boston como o Mahatma Ghandi ou Jordi Hurtado.

Un argumento a favor do statu quo (de manter a monarquía como mal menor) é de que escoller democraticamente presidente (da República) non garante que elixas a unha persoa adornada dunha chea de virtudes. Máis ben a experiencia en escoller presidentes do Goberno é exactamente a contraria, pero a cidadanía ten dereito a equivocarse, entre outras cousas porque é ela quen corre coas consecuencias, e sempre ten a posibilidade de emendarse cada catro anos. Pola contra, se o monarca sae un badulaque (por dicilo se facer sangue), como tamén nos asegura a historia española desde hai séculos, non soamente non hai posibilidades de reembolso ou cambio do produto, senón que están asegurados unha chea de anos sen trazas de mellora.

Outros aspectos que me gustaría ver por xunto, e non agardar capítulo a capítulo, é comprobar se tamén van seguir impunes os que dan as mordidas. Ben sei que se un grupo empresarial lle solta unha millonada a un señor ou señora non é por xenerosidade, senón porque llos piden, ou llos esixen, ou saben que se non dan, non reciben, pero delito segue sendo igual, e creo que non chega con dicir "nós non demos nada", como agora vale para librar.

A corrupción é sempre unha tentación inherente a quen ten o poder, empresarial, político ou policial, pero o outro problema, o da lotería de se o xefe do estado sae bo ou malo, xa o amañaron os franceses precisamente tal día como hoxe, 14 de xullo, hai 229 anos.