Parece que en Madrid e Barcelona andan quentes -perdón, non podo evitar o chiste- porque a maiores dese calor que todo o mundo parece botar de menos ata que vén de verdade, as mobilizacións do taxi contra iso que lle chaman VTC (Uber e Cabify) teñen as cidades impracticables. As cidades non sei, pero as redes sociais desde logo están intransitables co asunto. Eu cos taxistas teño unhas experiencias máis que positivas, pero haberá de todo, como entre os fontaneiros e os periodistas. E supoño que algo haberá que facer para velar porque o do taxi sexa de verdade un servizo público, controlar e sancionar conductas irregulares ou ilegais e evitar cousas como desfrutar dunha licencia sen exercela (si, xa sei, foi unha inversión, como un piso, pero un piso non é unha concesión pública). Ata aquí, todo o meu coñecemento sobre un sector e unha normativa que, como España enteira, é unha adaptación daquela maneira -e sen molestar aos que tiñan o mando- do paternalismo propio dunha ditadura á teórica igualdade de oportunidades dunha democracia.

Pero isto non vai de como combinar os intereses dos taxistas e os da xente que quere sacar uns cartos a maiores como condutores, unhas empresas que tiveron a habilidade de elaborar e implantar unhas aplicacións informáticas moi útiles e eficaces (que tamén poden aplicar os taxis para mellorar o servizo. Falo de argumentos falsos, entre eles o do progreso e a libre elección. "No hace mucho había fruterías, lecherías, pollerías, casquerías, ultramarinos, fotógrafos, tiendas de discos, papelerías, afiladores, traperos, chatarreros... y taxis. Hoy solo quedan los taxis exigiendo leyes que les blinden del progreso e impidan que el ciudadano elija". Isto que escribiu un señor que foi moi importante nunha multinacional, pero poderíao escribir calquera cuñado, con perdón. De entrada, non sei en que mundo vive (si sei, en varias cidades dun par de continentes á vez, é dicir, nunha despois de outra), pero no meu é certo que non hai esas cousas exóticas como "casquerías", e os trapeiros son uns contenedores que poñen nas rúas, pero sigue habendo chatarreiros, tendas de froitas (afortunadamente para aqueles aos que non nos gusta o porespán con forma de mazá), papelerías, ultramarinos, fotógrafos (non tendas de revelado) e incluso este verao escoitei o chifro dun afiador.

E se moitas desas cousas desapareceron ou foron a menos, non foi exactamente polo progreso ou pola elección da cidadanía. Hai unha boa porcentaxe de caducidade e de falta de adaptación en moitos deses sectores, pero moitas das supostas vantaxes do progreso/liberdade de elección viñeron dadas por medidas de presión similares ás que lle reprochan aos taxistas, soamente que como se fixeron nos despachos, foron máis efectivas. Desde deseñar as cidades para o coche privado -outra "libre elección" cando non hai transporte público eficaz- e polo tanto derivar a compra a alí onde se pode estacionar, ata dar para a implantación de grandes superficies as facilidades que non se dan para poñer unha papelería. E se a liberdade de elección do cidadán inclúe alugar un piso nunha plataforma a un señor que non vai pagar impostos por iso, o que está é escollendo pegar un tiro nun pé. No seu e no dos demais. En canto ao do progreso, non sei como alguén aínda pica niso.