11 de agosto de 2018
11.08.2018
Si home si

Patrimonio 'bingo style'

11.08.2018 | 01:07
Patrimonio 'bingo style'

Compostela, Galicia e todo o mundo interesado pola cultura xa pode respirar con alivio. Os garabatos que un cabestro pintou cun rotulador azul nunha estatua da fachada de Praterías xa están borrados, e o conxunto románico brilla con todo o seu esplendor. Eu miro todos os días medios e redes sociais a ver se está identificado o presunto autor ou presunta, a ver se di algo, se ten algunha xustificación ("odio o románico") ou a habitual ("paseime moito e non recordo nada"). O que si estou certo, aínda que non lin nin escoitei nada sobre o particular, é que debeu aumentar bastante a atención sobre o apóstolo de pedra, antes anónimo e agora famoso como epígono de Eric Singer, o batería de Kiss. Ao turista medio, iso de degustar unha cidade paseándoa e descubríndoa parécelle unha perda de tempo. Vai aos sitios como quen vai tachando os números do bingo, para que logo, de volta no hotel, no bus ou no lugar de orixe, os compañeiros de viaxe, real ou de sesión fotográfica, non teñan cuberto máis atraccións ca eles. "¿No fuisteis a ver el X en Y? Queda un poco a desmano, pero vale la pena", di o que fixo liña de visitas turísticas, mentres o que non remoe de quen foi a culpa, se del que quería tomar unha caña ou dela que estaba cansada.

Eu, aínda desexando que condenaran ao do rotulador a quitar con pinzas de depilar toda canta herba medre entre as pedras da catedral, paréceme que houbo unha certa sobreactuación no caso este. En primeiro lugar, porque Santiago é hoxe en boa parte un parque temático para turistas, e xa se sabe que o visitante considera o sitio visitado como favorecido pola súa presenza e o seu desembolso, e sente a necesidade de expresar a súa opinión, ben en Tripadvisor, ben nas portas dos baños. En segundo porque non é que aquí teñamos un currículo impoluto en cando a conservación do patrimonio. Nin os particulares, esa xente teoricamente atada as tradicións que relouca por desfacerse de todo o vello, nin as autoridades, en boa parte de adscrición ideolóxica conservadora, que o único que queren conservar é o mando.

Aquí, se non se tiraron máis antigüidades foi porque se estendeu a sospeita firme de que "aínda pode valer cartos". Pero do mesmo sitio que o apóstolo Singer -e máis grandes- saíron, "doadas" por unha corporación, outros dous santos, e non parece haber gran escándalo. E a Xunta de Galicia acaba de cementar o empedrado medieval do castelo de Monterrei, e non vin foto ningunha na portada, sendo bastante máis grave a barbaridade, polo tamaño, polo irreversible e sobre todo porque a perpetrou a institución que ten como misión salvagardar -conservar- o patrimonio histórico do país. Esa noticia, ou da dos que arrasan castros ou petróglifos cunha paleadora para plantar ou sacar eucaliptos non saen nas portadas, nin teñen visitas de autoridades que se retratan compunxidos coa desfeita. Como moito, sabemos delas polos comunicados das organizacións ecoloxistas que chegan ás redes sociais.

Se non sabemos ou non queremos coidar o patrimonio, ou facémolo moito peor que escandalizarnos cando lle pasa unha desfeita a algo turistizable, o mellor é aproveitar os visitantes bingo style: facer unhas rutas de catástrofes patrimoniais. A ruta do románico recebado. A simbiose do home primitivo que debuxaba petróglifos nas pedras e o actual home primitivo que pinta nesas mesmas pedras. Suba nunha escavadora e pase por riba dun castro. E así podemos ciscar os beneficios do turismo por todo o territorio e que non se amontoen todos no mesmo lado.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine