Compostela, labirinto de pedras, obradoiro maior de Galiza, sempre está no converxer das miradas, das máis sensibles como tamén da barbarie campante. A historia dos atentados contra o Patrimonio Cultural de Galiza, como de Compostela ou calquera outra parte, pérdense na súa historia e, polo que se ve, cada vez son máis agresivos e en progresión xeométrica. Feitos por obra e desgracia da irracionalidade egoísta, do afán depredador, de destruír por destruír: no 997 a razzia de Almanzor, entre visitas de furiosos normandos, no 1117, tempos de Xelmírez, o incendio da catedral; sen faltar a destrución oficial motivada polas ansias de exceso decorativo dos mestres do Barroco, rompendo co pasado, empeñados en azucralo todo con volutas, pináculos e placas de marquetería pétrea para unha grandilocuente escenografía arquitectónica; logo os exércitos napoleónicos desvalixando sartegos, sancristías, santuarios, conventos e pazos... e en tempos decimonónicos a Lei de Desamortización abrindo a todos todas as portas de mosteiros, seguida de abandono... e sempre a ameaza dos incendios, entre eles o da Capela das Reliquias da mesma catedral compostelán no 1921... o roubo da Cruz relicario de Alfonso III... os desastres da guerra, as interpretacións do Concilio Vaticano II de desfacerse de toda ostentación... E no noso tempo máis roubos e no 2011 a desaparición e aparición do Códice Calixtino que inspirou varias novelas, iso si e catapultou a xuíces.

Pasando revista a tantas fórmulas de vandalismo, atopámolas e variadas, as que van dende a ignorancia ás provocadas dende a mesma oficialidade e por decreto, sen faltar por medio as motivadas por algún tipo de borracheira: dende as manifestacións estudiantís do 1984 que prenderon lume ante as labras da porta gótica do Colexio de San Xerome a outras contra os balaústres da escalinata das Praterías, rotos tras unha eufórica noite de botellón, como tantos ornamentos urbanos que tras sobrevivir séculos sucumben agora... Como mesmo foi normal e aplaudido aquel folión, bombas de palenque, pólvora, estrondo, lume e fume da noite de vésperas do Día de Santiago entre torres e imaxes do Obradoiro... coa mesma queima simulada da fachada... e menos mal que se corrixiu imposta pola nova tecnoloxía de liviáns proxeccións de láser sobre a histórica cantería... Ítem máis nos arredores da Compostela catedralicia, cando a Porta Santa servía de portería, e as esculturas dos populares Vintecatro do taller de Mateo, utilizábanse como bancada de espectáculos ou para prácticas de escalada, figuras varias veces decapitadas, repintadas e repostas... E a mesma Praza da Quintana dos Mortos, cantada por Lorca e tantos outros, onde todos ansiamos deixar pegada, mesmo nos días que centraliza o Día da Matria Galega, cuberta de palcos para músicas e mitins, entre telderetes de cervexa e WC... a máis da contaminación sonora atentando con potentes decibelios contra os rítmicos sons do badelar da Berenguela e os silencios das clausuras que dixo e diría don Ramón de Trasalba en O espello no serán. E aínda quizais resulte canto dicimos ideas churrusqueiras e carpetovetónicas. A cuestión é enxergar as causas e os efectos que abondan sobre o patrimonio cultural. Como os areais das praias normalizados agora en áreas pra masivos concertos e botellón... pra logo rematar sentenciando que forman parte da tradición, cando a tradición non traizoa nin destrúe. A sensibilidade falará por algures e ao cabo do tempo. Nesta nosa cultura de festas e romarías a sabia tradición para celebralas creou campas e carballeiras nas que esparexerse. E velaí hoxe o Monte do Gozo galponizado en minifundismo de ideas duns sobre as ideas dos outros, o Pedroso, ídem, coroado por un calvario de antenas...

E hai chamadas de atención, como a base de medidas que no 2014 propuña a Fiscalía Xeral de Galicia, comezando polos bens da igrexa, "Patrimonio seguro" quedaron traspapeladas. Vandalismo, efectos coa súa causa, a ignorancia, a aculturación, a crise de identidade... Non se trata unicamente dun tema de congreso ou noticia, de vixiar, de poñer gardas... senón en educar e non soamente dende a base, a casa ou a escola, de facelo por todos os medios e en cada feito, informar para formar na convivencia.

Ven a conto canto dicimos polo acontecido nunha destas concorridas noitiñas composteláns dun finde de agosto, cando a un ou a unha dáselle por grafitear con rotulador azul á escultura marmórea e románica dun apóstolo das columnas da fachada de Praterías na Catedral. Faino simulando os trazos felinos das máscaras usadas polo batería da banda newyorkina de rock duro Kiss, ícono xuvenil dos setenta, un vello xa. Grupos caracterizados no escenario pola provocación, entre coiro e metálica, máscaras, petardos, sangue, a rotura con todo, caos infernal... dalgún xeito vertido sobre o cosmos compostelán. E o que se fai na capital resoa máis alá, cando o cotián é silenciar tanto que de destrución acontece niso que dan en chamar "cascos vellos" nos que se normaliza o vandalismo do mal gusto grafiteiro entre outros xeitos de atentados contra a cultura, que é o que o ser humano cultiva para a convivencia.

O experimentado don Manuel Chamoso Lamas, xa nos anos sesenta avisaba de tomar medidas coa fachada de Praterías, na que é sobranceira a escultura do David tocando a arpa, símbolo do Románico mundial, a que no Barroco xa fora transportada dende a Porta da Acibechería. E dada a súa significación e como medida preventiva analizaba a posibilidade de reemplazala por unha copia e levar a orixinal ao museo, como xa daquela se viña facendo en tantas catedrais europeas. Imaxe que xa sufriu un atentado e rompéronlle o nariz, pra repoñela malamente e se aumentar aínda máis o atentado. O de romper narices está no ADN do vandalismo. Como lle aconteceu á escultura da Leiteira de Eiroa, na Ferradura, entre outras...

Iso de poñer reproducións e gardar os orixinais de obras singulares nos museos aínda clama por aquí, sendo algo que se debera facer con algúns cruceiros, pedras armeiras, epígrafes, esculturas emblemáticas, as que non soamente se expoñen ao vandalismo, senón aos accidentes, ao desgaste inevitable das inclemencias meterorolóxicas, da contaminación... E entre tantas degradacións a perda da cor da pedra, do caleado, a cor de Galiza con repicados indiscriminados de recebos, relimpezas, etc., para pasar a asimilarse como normal e tradición hiperenxebrista... Resulta lamentable como, quizais con exceso de celo, se limpa o Monumento a Curros da Coruña, tanto que co chorro a presión se borrou a sinatura do propio escultor Asorei, "Partenón da Cultura Galega" que nas festas e feiras, mesmo do libro,se arrodea de telderetes. Efectos con causa, repetimos.

E como mandan as malas noticias, non son hoxe noticia os esforzos de profesionais e xestores que profesan, do asociacionismo cultural a pé de obra e sen medios na divulgación, vixiantes ante a denuncia e a protección do patrimonio cultural, da maioría de hórreos, cruceiros, escudos en abandono, pese á súa declaración xenérica como Bens de Interese Cultural. Aínda así e en xeral a Igrexa foi a que incentivou e conservou durante séculos a arte, patrimonio, hoxe máis que nunca, no brete, especialmente o que se descoñece en clausuras e sancristías.

A solución está no debate político, no cumprimento e seguimento das leis, que haber hainas, comezando pola propia administración, coordinando departamentos, cando realizan proxectos viarios, urbanísticos, forestacións indiscriminadas sobre xacementos arqueolóxicos ou programan festas en recintos Ben de Interese Cultural, sen infraestrutura para eventos masivos. A solución está na educación constante a través de todo, especialmente dos medios de comunicación que entran na intimidade, responsabilizando a cadaquén sobre o legado herdado e máis ás administracións, profesionalizando, madurando nos principios da ciencia museoloxía, tan ignorada. Non todo se soluciona con policía especializada e cámaras vixiantes, que tamén.