Ocaso do máster de Pablo Casado ocupa case todos os días os titulares da prensa escrita, dixital, radiofónica e televisiva. Independentemente de se é inocente ou non, o que pon este caso enriba da mesa é o descaro e a falta de decoro de moitos e moitas dos seus compañeiros e compañeiras de viaxe no mundo da política. Viñamos do de Cifuentes, e claro, todos os partidos, ao igual que os medios de comunicación, puxéronse a pescudar irregularidades no currículo dos seus rivais. E, por suposto, que hai moitos casos que xa coñecíamos con anterioridade. Fagamos un divertido paseo por outras formacións políticas: Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, asegurou ser avogada cando non cursou Dereito, nin rematou a carreira. Toni Cantó, CDS, afirmou ser licenciado en Filoloxía e Pedagoxía e agora nega ser licenciado en calquera cousa. César Zafra, tamén de CDS, dixo que tiña exercido de avogado cando non ten o título de Dereito. Xoán Merlo, deputado de Podemos no Parlamento de Galicia, dimitiu, cousa que lle honra, ao saberse que o seu título de Enxeñeiro Industrial era falso. Ximo Puig, PSOE, aseverou que posuía unha licenciatura en Xornalismo, cousa que resultou tamén ser mentira ou Elena Valenciano, quen dixo estar en posesión de dúas carreiras, licenciada en Dereito e en Ciencias Políticas, cando non rematou ningunha delas. Pero non debemos ser demasiado severos cos nosos mandatarios. Este é un país curioso. En moitos casos e en diferentes profesións, as persoas inflan o seu currículo, cando non o falsean directamente. En ocasións, isto se debe á precariedade laboral, a xente tenta conseguir un traballo como sexa e a un pequeno curso chámalle seminario, a un seminario máster e a un máster doutorado. Noutras ocasións débese, simplemente, á vangloria, á presunción. Na época na que gobernou a nosa cidade Francisco Vázquez, foi xefe de prensa do Concello alguén que dixo ser xornalista e non o era. E facendo un pouco de autocrítica, hei de dicir que no mundo dos artistas, isto tamén é moi frecuente. Existen pintores que levan no seu coche parte da súa obra e a venden en parques ou prazas do mundo, algo en si marabilloso; o absurdo é que despois esas vendas tan ambulantes como dignas, aparecen no seu currículo como exposicións en Italia, Bélxica, Alemaña ou Reino Unido. Por non falar das xentes das artes escénicas. Hai quen coloca como espectáculos profesionais obras feitas na súa etapa como actor de instituto ou da universidade, cando non presentan como estrea profesional un monólogo preparado para un cursiño sobre voz ou sobre a construción do personaxe. En todas partes cocen fabas. O problema de Casado, Cifuentes, Valenciano, Cantó e de máis alegre rapazada é que eles son os primeiros que deben dar exemplo. Por dous motivos: o primeiro porque viven dos nosos cartos e o segundo porque deben ser unha referencia para a sociedade, un espello de honradez no que poder mirarnos con orgullo e non con desilusión. Se eles e elas non entenden isto é que non merecen ser parte da arte da política, así de sinxelo. Ademais, como é sabido, a vangloria non é nin de esquerdas nin de dereitas. Trátase só dunha eiva máis do ser humano.