No desastre d'O Marisquiño houbo 467 feridos, segundo a consellería de Sanidade. 467 persoas feridas son unha chea delas e unha desfeita considerable, por moito que afortunadamente non se poda comparar cos 30 mortos confirmados, de momento, que causou o derrubamento do viaduto de Xénova. Aínda que iso do consolo comparativo non debe ser de moita axuda para quen segue amolado nos hospitais de Vigo, ou xa na casa. Hai, non obstante, algo moi similar, por non dicir idéntico, nas dúas catástrofes: as administracións xogando ao " tú la llevas". "Errar é humano, botarlle a culpa a outro é política", resumía Hubert H. Humphrey, o candidato demócrata que perdeu contra Richard Nixon.

Hai xente tan afeita a dicir unicamente o que lle convén, sen pararse un chisco a pensar se ten algo que ver coa realidade, que a primeira reacción é buscar unha percha para colgar nela a culpa e desfacerse dela, como os nenos pequenos. E tanto lles ten aínda que a mentira teña máis caducidade que a froita de cámara frigorífica. Matteo Salvini, o bocachancla que fai de ministro do Interior en Italia, como non lle podía botar a culpa aos inmigrante, a súa bicha número un, botoulla á bicha número dous, a UE. "Se existen restricións europeas que nos impiden gastar diñeiro para asegurar as escolas dos nosos fillos ou as estradas polas que viaxan os nosos traballadores, poñeremos a seguridade dos italianos fronte a todo e a todos". E se non existen esas restricións -a Comisión Europea recordoulle que nos últimos sete anos, a UE achegou 2.500 millóns de euros para estradas e ferrocarrís, máis 12.000 millóns de fondos europeos, e acaba de aprobar que Italia (o país con máis débeda de Europa, fóra Grecia) gaste outros 8.500 millóns en infraestruturas. Salvini -que, como Ana Botella cando a traxedia do Madrid Arena, foi de festa horas despois do suceso- empeza agora a botarlle a culpa á concesionaria, Autoestrade, e iniciou o procedemento para quitarlle a concesión sen expediente previo, co que a compañía anuncia que pedirá a indemnización que lle corresponde...

No d'O Marisquiño (por certo, o nome é un tanto jodechinchos, non?) a tarima do porto parece ser que é terreo de ninguén, nin municipal nin portuario, e como tal orfa que era, non tiña quen a mantivese, aínda que agora esgrímense teorías de que non necesitaba mantemento, algo que a experiencia acaba de desmentir. Tamén houbo un intento de zafar, denunciando que a organización non tiña rexistrado un Plan de Autoprotección, que logo resultou que non era necesario, nin telo nin rexistralo, e o certo é que existise ou non, funcionou perfectamente. O problema estaba no estado do entarimado, ou polo menos en permitir aglomeracións humanas enriba máis aló da dose xusta de paseantes de domingo. Sen ánimo de dar consello ningún a quen seguramente non os precisa, soamente lembrar que cando a Paco Vázquez se lle derrubou un monte de lixo de Bens, que era inequivocamente responsabilidade municipal, en vez de andar buscando outros inexistentes culpables o que fixo foi poñerse á fronte da manifestación.

A outra opción é a que escolleu Ana Botella cando o do Prestige, que dixo que a culpa era do barco. Ou sexa, argumentar que a responsabilidade nestes casos foi, respectivamente, do entarimado de madeira do porto de Vigo e da ponte xenovesa. Que xa verán como ao final é o que pasa.