Hablad en las plazas, en las universidades, en todas partes,

de ese general de América, que se llamó Augusto César Sandino.

Miguel Angel Asturias

Augusto César Sandino foi o líder da resistencia nicaraguanas contra o exército de ocupación dos Estados Unidos en Nicaragua na primeira metade do século XX. A súa táctica de guerra de guerrillas logrou que os estadounidenses tiveran saír do país. Pero, Anastasio Somoza Tacho, xefe da recén creada Garda Nacional, ordenou asasinalo. El non podía facelo persoalmente, pois Sandino e Somoza eran masóns e, un masón non pode matar a outro masón, así que o futuro ditador buscou un coronel para que lle dese morte ao heroe. Anastasio permaneceu anos no poder e traspasou o mesmo ao seu fillo Tachito Somoza. Contra a brutal represión deste megalómano da barbarie ergueuse a Fronte Sandinista de Liberación Nacional. A ditadura foi derrotada e Nicaragua encamiñouse cara un camiño de esperanza. Cooperantes de moitos países viaxaron no seu día ao país centroamericano para colaborar desinteresadamente coas novas autoridades nicaraguanas. Pero a deriva da política sandinista non foi cara unha democracia de calidade, senón cara un réxime populista máis próximo ao modelo cubano que a un modelo francés, por poñer un caso. Ademais a persecución a algúns pobos indíxenas, como os misquitos, non granxeou moitas simpatías entre a esquerda occidental que apoiara desde o máis profundo do seu corazón a revolución contra a ditadura. Hoxe, as cousas están peor. A desilusión fíxose carne entre unha grande parte da poboación nicaraguana. O cantor da revolución Carlos Mejía Godoy, marchou para o exilio, con el o defensor dos dereitos humanos Alvaro Leiva. Milleiros de nicaraguanos están marchando para Costa Rica. E este país xa non aguanta máis. Guatemaltecos, hondureños, salvadoreños e agora nicaraguanos están desdebuxando o estado costarricense e, agora, os seus habitantes ven como unha violencia á que non están acostumados e un xeito de vida diferente vai impóndose devagar na súa terra. A caída de Tachito Somoza foi recibida polas democracias occidentais con ledicia e esperanza. A figura de Sandino foi rescatada do esquecemento e colocada no lugar que merecía ocupar. Xerouse unha corrente de simpatía colectiva co sandinismo que acabara con anos de represión. Pero, hoxe, daquelo queda ben pouco. Os mortos son mortos. E o goberno de Ortega, demasiados anos no poder, arrastra un monte de mortos, feridos e represaliados ás súas costas. Está sendo infiel ao que predica. Isto é, converteuse nun mentireiro e nun represor. Ortega non é Sandino, nin sequera é o espírito do sandinismo. Ten que convocar eleccións e o seu partido presentar un novo candidato. El está estigmatizado. Nicaragua merece mirar ao futuro distanciándose do sangue entre irmáns.