Amin, os chistes de galegos na Arxentina. Non de galegos que van á Arxentina, senón os que na Arxentina se contan dos galegos, que son cuspidos aos que aquí se contaban dos de Lepe. Sóubose que se publicaran algúns libros sobre o tema, coa conseguinte reacción aquí -e alí, por parte de galegoarxentinos-. Non me gustou porque era facer burla como ruda e inculta de xente que probablemente o era, pero que se matou a traballar e engrandeceu o país (sobre todo o de destino, e algo este). Rirse do alleo é un deporte moi practicado, porque como dicía non sei quen, moitos pensan que o seu lugar é o mellor, grazas a que eles naceran nel ("yo, si no llego a ser español, me muero", escoiteille unha vez a un compañeiro de facultade. Quizais agora traballe no BOE). Pero quen determina do que se pode rir cada quen? Ou máis ben, de quen se debe ou non rir cada quen?

Isto vén a conto, como xa sospeitarán, da polémica sobre o monólogo de Rober Bodegas sobre os xitanos, e do xa clásico debate sobre os límites do humor. Non escoitei nin o monólogo, nin moito nunca a Bodegas, pero teño escoitado doutra xente cousas que me fan gracia e coas que coincido, cousas que me fan gracia coas que non coincido e cousas que non me fan gracia ningunha, coincida con elas ou non. En calquera dos casos en que non, considérome con dereito a criticar o que escoitei, e mesmo tamén a quen o dixo -un monologuista crea o seu discurso, non é un actor que participa na representación da obra un tanto antixudea de Shakespeare El mercader de Venecia-, pero non é de recibo pretender prohibilo, e moito menos ameazalo. A liberdade de expresión non ampara soamente a aquelas que non ofenden a ninguén, incluso hai quen asegurou -tampouco lembro quen- que a súa razón de ser era precisamente para amparar aquilo que ofendía a alguén. Existe o dereito a ser desagradable, a ter mal gusto, incluso a mofarse dos desfavorecidos, e aos demais asístenos o de consideralos uns indesexables. Pero sentirse ofendido non é razón bastante para prohibir nada, porque hai xente que lle parece un agravio a existencia do fútbol, ou a dos veraneantes, ou da humanidade en xeral.

Habida conta de que nestes casos, se os protestantes quedaran calados, ou simplemente expresaran o seu desacordo, a difusión do monólogo quedaría reducida á clientela do monologuista -todo o ampla que se queira, pero infinitamente menor que as multitudes afectadas pola polémica-, a conclusión é que fan un pan cunhas hostias e o tiro sáelles pola culata, pero iso si, a campaña da súa propia imaxe queda asegurada. Exactamente o mesmo caso de Albert Rivera and friends, que se consideran no dereito de andar arrincando os lazos amarelos cos que uns cidadáns mostran o seu desacordo coas decisións xudiciais que teñen a uns políticos en prisión. Teñan razón ou non, estean axustadas a dereito o non esas decisións, gozan do dereito de expresar o seu rexeite. O mesmo dereito do que moitos outros cidadáns, en Cataluña e fóra dela, botaron man para colgar a bandeira española en ventás e balcóns, sen que ninguén llas baixara con ganchos ou lles arrebolara pedras aos cristais.

O mundo está cheo de cousas que non nos gustan, e a civilización consiste en poder evitalas e non ter que consumilas. O contrario é a ditadura, ese sistema que Jardiel Poncela -deste acórdome- dicía que era aquel no que o que non está prohibido é obligatorio.