O tema deu e segue a dar pra moito, coas súas variantes común tamén a todos os pobos en contos e lendas. Asuntos aínda moi vivos na Galiza rural, a pesares de tantos novos mitos.

Serpens, serpere (en latín arrastrarse) e velaí a verba serpe ou tamén entre nós cobra, derivada de colubra (retorcida) ou culebra en castelán... Réptil frío, sen patas, sen pelos, sen plumas... que, como un lostrego saído das tebras asoma despois do seu letargo dende as fonduras húmidas da terra invernal, entre a luz, o calor e a seca do verán. Os seus declarados inimigos son a aguia, a cegoña e o falcón que as perseguen e matan. E de cando en vez, as serpes son noticia polo tamaño, o grosor, as picaduras ou polo insólito lugar no que aparecen.

En todas partes se lle ten respecto e se lle considera ruín, aínda no agro onde se convive con ela, será polo seu enigma e quizais pola educación bíblica recibida: dende o Xénese tilda como animal maldito por aquelo da perda do Paraíso... até o Apocalipse coa besta híbrida, a Serpe das Sete Cabezas e dez cornos que representa o goberno dos imperios, con nome e número 666... Serpes asociadas cos caxatos ou esotéricas varas máxicas de Moisés ou a do seu irmán Aarón, coas que tanto abren fontes, camiños, como as fan florecer ou se converten en temidas serpes... como o caduceo de Esculapio, o que se dicía feito de rama de oliveira e sobre no que se enreda a serpe pra pasar a ser símbolo da Medicina, como esoutro caduceo, o do grego deus Mercurio, Hermes na mitoloxía romana, este entre dúas serpes enfrontadas en simetría como símbolo do Comercio, dos buscamundos: prudencia e saúde que compre pra os camiños do negocio.

A ofiolatría é tema estudado polos clásicos da arqueoloxía galaico-portuguesa, como Florentino López Cuevillas, autor de Os Oestrimnios, os Saefes e a ofiolatría en Galicia (1929 en Arquivos do S.E.G) estudo que abriu a toda unha serie de teorías sobre a "celtización" de Galiza. Tema castrexo da serpe que o arqueólogo ourensán relaciona co que nos conta no século IV o poeta e cónsul da Etruria Rufesto Festo Avieno na epopea Ora Marítima, onde se describe a beiramar que vai de Britania ao Bósforo e por medio as Columnas de Hércules ou de Briareo (Montes Xibraltar-Hacho) e a invasión que sufriu -por parte dos Sefes, pobo céltico que tiña como insignia a serpe- o pobo dos Oestrimnios, idenificando este país preto das illas Cassiterides, Galiza? Tema que deu pe a diferentes interpretacións e que o escritor latino recolle de contos traídos e levados dende a colonia grega de Massalia (Marsella) e que quizais se remonten a periplos máis antigos, quizais do século VI a. C. Cuestión que nos anos do Modernismo apaixonou ao arqueólogo do Instituto Arqueolóxico Alemán Adolf Schulten (1870-1960), buscador de Tartessos e mesmo do Mons Meduli na Gallaecia o que situaba no Tegra... coñecedor das fontes antigas referidas á Celtiberia, ás Guerras Cántabras, biógrafo de Viriato... viaxeiro dos que poñen o pe e os sentidos sobre os xacementos, referente entre os pioneiros da Arqueoloxía en Galiza.

Asunto sobre o que tamén afonda o portugués Santos Junior, autor de As cobras nas lendas e tradiçoes (1971) ou Modesto Rodríguez Figueiredo, Outra vez coa ofiolatría (1973); M. Hidalgo Cuñarro El tema de la serpiente el el N. O peninsular (1980); Felipe Criado Boado Serpientes gallegas: madres contra rameras (1986); Manuel Mandianes Castro La serpiente y el cerdo en Galicia (1993); Manuel Angel Charro Gorgojo Serpientes, ni dioses ni demonios (2004)... e máis haberá aínda.

A serpe ofrece significación ambigua, enerxética, asociada á terra, á auga, á árbore; reptante, ondulante, asubiando, de ida e volta da negrura do caos terreal á luz cósmica, como da morte á vida. Réptil que rexuvenece ao mudar a "camisa" e que pode envelenar e matar coa súa mordedura, mesmo pode ser seducida e erguida polo mago encantador de serpes.

Representada en petroglifos como os da Pedra Boullosa ou nun penedo da croa do Castro de San Antoniño de Penalba en Campolameiro e mesmo sobre unha pedra no Castro do Troña en Mondaríz, os relevos xeométricos, serpentiformes, da lousa do Castro de Formigueiros, en Amoeiro... a do Castro de Baldoeiro no Val do Douro... Exemplos haber hainos e interpretacións tamén. Como no Románico serpe, basilisco ou dragón asociado co falo, entre outros monstros representados nos canecelos.

Polo de Adán e Eva a serpe asociase co perigo e a morte, coa hipocrisía e a traizón, pero tamén coa sabedoría, o coñecemento e a dominación. Os exipcios nas súas diademas, nos panteóns, nos xeroglíficos, no Libro dos Mortos, representábanas cos ollos a fitar, remarcando a lingua bífida e seguindo o camiño do sol cara ao occidente da morte... Na mitoloxía grega Apolo vence ás serpes, tema no que se inspirara a figura do Cristo como vencedor das forzas caóticas, da serpe, do Demo e sobre a que se erixe a Cruz, mesmo como ollamos na base do cruceiro da Pedra da Serpe de Gundamil en Corme, preto tamén do xacemento romano cristianizado da Illa da Estrela... Quizais se trate esta da cristianización dun ara que reaproveita un penedo en encrucillada de tres camiños e que en época incerta se labrou unha serpe alada pra cristianizala cun cruceiro simple, erguido sobre un dos fóculus en honra dos deuses dos vieiros (¿?). Na mitoloxía grega a serpe representase enroscada, espira que morde a cola, o uroboros, símbolo do retorno cíclico, engadíndolle alas como sublimación, curiosa coincidencia aínda que distante en espazo e tempo coa Quetzalcóatl, a serpe emplumada dos pobos precolombinos, mestura dual de cobra terrestre e ave celeste, mesmo representada nos xeoglifos de grupos incas de Nazca no Peru, en Salamanca de Chile, ou a Serpent Mound, no condado EEUU de Adans en Ohio, recinto pro cultos indios.

E non faltan imaxes de santos e santas representadas simbolicamente dominando serpes hibridas, identificadas co sobmundo infernal, como o San Miguel, San Xurxo, Santa Marta, Santa Margarida... a mesma Inmaculada... a harmonía Cósmica sobre o endiañado Caos.

Os paisanos galegos de noutrora si sabían das propiedades da súa graxa co que se elaboraba un ungüento recomendado pro reuma e mesmo a súa pel servía de amuleto na casa ou como pulseira... así a vimos nas feiras de noutrora, nas mans de curandeiras ambulantes que, rodeadas de xente, ofrecían tarros desa apócema caseira... "se frota así, así...".

Galiza é país de lendas de monstruosas cobras que tanto habitan no océano, en lagoas como en pozos ou fondos buratos como a Cova da Serpe, míticas bestas encantadoras e roubadoras de tesouros, que teñen como prisioneiras a mouras ou a princesas que esperan a súa liberación con sortilexios e lecturas ao revés de oracións... cobras que incluso se dicían alimentadas do teto de vacas ou mesmo de mulleres.

E velaí esa tradición de camiño e camiñante, cun orixe oriental que pasa por Pitágoras, respecto á transmigración das almas, como a que di que "a San Andrés de Teixido vai de morto o que non vai de vivo" e fará ese camiño ascético, de perfección, en forma de cobra ou lagarto... réptiles dos vieiros respectados polos peregrinos.