Entendo que o fútbol -a afección- é un deses mundos que escapan á racionalidade, que podes ser seguidor dun equipo pese a resultados, historia, presente ou probable futuro, xogadores, adestradores, presidentes ou corpo técnico. Que lle podes coller cariño, mesmo devoción, a un deses integrantes do equipo, que lle desexarás o mellor na vida, incluso noutros equipos, pero nunca diante do teu, e nunca por riba dos colores que fixeches teus por razóns que non o son, senón cuestións intanxibles e imponderables. Por iso mesmo non entendo a eses tipos, e tamén cada vez máis tipas, que ligan -ou afirman ligar- a súa vida e os seus afectos a alguén que non deixa de ser un empregado que hoxe está aquí e maña alí ou enfronte. Sobre todo cando a súa conduta o que fai é ensuciar eses colores que son os seus agora, e logo xa se verá, pero para ti serán os teus para sempre, ou ata que deixes de ser un futboleiro.

A última demostración dese seguidismo borreguil é a defensa de Isco que fan nas redes sociais (e digo nas redes sociais porque é o que vexo, nin se me ocorrería seguir nunca eses circos que son as tertulias deportivas na televisión, que algúns cualifican inadecuadamente de tabernarias, porque nas tascas, as discusións soen ter doses de ironía e educación que nos platós nin se ven nin se lle espera). Por se descoñecen o caso -se é así, permítanme felicitalos pola súa selección da realidade- ao tal Isco preguntáronlle algo especificamente técnico, como que se prefería esperar a que lle subiran o balón ou baixar el a por el e ir adiantando, ou algo así. O tipo, no canto de limitarse a dicir: "yo lo que el míster considere que es mejor para el equipo", como os peloteros ben mandados, dixo que non ía contestar porque ese periodista concreto ía poñer o que lle petara, e que non facía máis que meter cizaña, en vez de axudar á selección da Federación Española de Fútbol, como era a obriga de calquera informador deportivo español.

Imaxinen a un alto cargo do Santander, de Inditex ou de Terrazos Riego soltando algo así, esixindo que os informadores de economía teñen que apoiar as empresas nacionais. O cargo deixaría de selo, ou polo menos non volvería saír en público. E nas seccións de economía hai, como en todas, -ou debería de haber- informadores especialmente críticos, con razón ou sen ela, coa liña de tal ou cal empresa. A diferenza de quen é asaltado na rúa por un xornalista para emitir unha opinión, dar unha rolda de prensa é convocar aos medios, e non necesariamente para que digan que os xogadores son moi guapos, teñen unhas tatuaxes preciosas e son uns magos da pelota. Un futbolista representa alí a quen o contrata, club ou federación, e as súas teimas persoais ten que deixalas no vestiario.

Que alguén que se maldefende como autónomo, ou traballando máis horas das que pon o contrato defenda a un señorito é a definición perfecta de alienación, entre outros conceptos máis desagradables. Pero que os teóricos compañeiros do xornalista agraviado consintan unha agresión a todos na persoa dun diante dos seus fuciños retrátaos como persoas e como profesionais. Eu lembro unha situación semellante, cando Paco Vázquez lle deu un desplante a unha informadora que, efectivamente, non era moi condescendente coa súa xestión. Todos os que alí estaban levantáronse e fóronse. E iso que se o daquela alcalde podía esgrimir a tensión de que estaba en plena crise do Mar Exeo. Isco o único que pode argumentar é que nunca ninguén lle dixo que iso estaba mal.