A Europa terá todos os defectos inherentes a ser un conxunto de estado -e por riba gobernados por outro- que queiran, pero como espazo de valores -non precisamente perfectos, nin sequera atravesando agora un dos seus mellores momentos- é do mellor que che pode tocar como ser humano pelado. Quizais sexa mellor nacer sultán de Brunei que carpinteiro en Baviera, pero comparando carpinteiro por carpinteiro, mellor ser bávaro, aínda a costa de ter que levar nas excursións os pantalonciños eses de coiro con peto. E dentro deses valores, con ou sen hipocrisía, está o de que ostentar un cargo público, e mesmo algúns privados, é incompatible cunha serie de comportamentos que non teñen por que ser ilegais, mesmo poder ser de uso máis ou menos corrente na cidadanía de a pé, pero que se entenden que constitúen un engano ao conxunto da poboación. A esa que cada vez que entrega unha fotocopia para algo oficial, tena que compulsar.

En España hai unha reverencia esaxerada aos títulos, non sei se herdada de canto ter un título nobiliario era ter asegurado o vivir sen dar golpe, ou de séculos de ignorancia e analfabetismo. O caso é que os títulos sempre importaron máis ca os saberes. E nunha clase política que se tivo que improvisar desde case cero, máis. Ao ministro Corcuera crucificábano porque era un simple electricista, e ao vicepresidente Quintana por non acabar Medicina e conformarse con Enfermería. Que o anterior e probable novo primeiro ministro dunha nación tan adiantada como Suecia sexa soldador non parece que sexa exemplo de nada por aquí. Cando Cristina Cifuentes acabou como acabou por non ter dado o brazo a torcer no do máster, os currículos de moitos políticos adelgazaron dunha forma que si pasmaría aos nutricionistas. Xente que tiña máis distincións académicas que nobiliarias a duquesa de Alba quedou na licenciatura pelada. Os másteres pasaron a ser cursillos, e as diplomaturas, diplomas. E moitos títulos certificados quedaron en neboentos "estudios de...". Imaxino que, afeitos a non ter que responder das realidades mediopensionistas que meten nas erráticas declaracións de bens que teñen a obriga de facer, por que van ser estritos coa verdade no das credenciais académicas. Total, título chámase tanto ao papel que che dan por ir a unhas charlas unha semana que por asistir nove meses durante catro anos a unha universidade.

Agora parece que, como pasa en Europa, os collidos nas irregularidades (deixémolo aí) van dimitindo. Polo menos algúns. Non deixa de ser pavera a velocidade coa que pasan as cousas neste país. A unha ministra medrábanlle os Jaguar no garaxe da casa sen que se dera conta, e non lle pasou nada, e agora, por un favoriño que lle fan a uns esforzados servidores públicos... Non se nos debe escapar que se hai esas dimisións é porque hai unhas fortes correntes de opinión para que se leven a cabo. As dos partidos e medios rivais aos favorecidos. Pero sería de xustiza, non soamente de xustiza abstracta, senón de xustiza para os estamentos universitarios que se dobregan á corrupción, e desde logo para os alumnos que acadan os títulos co seu esforzo e os das súas familias. Está moi ben que haxa unha reacción política, e unha instrución xudicial, pero debería haber tamén unha investigación das autoridades universitarias, con conclusións e sancións que non dependan das outras. E que esas prácticas -e outras como o absentismo, a arbitrariedade, o nepotismo- que son ben coñecidas dentro dese ámbito, deixasen de estar amparadas pola lei do silencio.

Polo demais, só cabe agardar que agora empecen a revisar nos currículos o de "nivel de inglés: alto".