Agora cando a cabra de farta da cos cornos do cu, como dicían os patrucios de noutrora, cando se usa e abusa de todo, cando a media festa se derrama e se fan batallas de viño, cando se mestura en estraños beberaxes e se fai botellón que tenta contra todo, contra o futuro, contra os veciños, contra o patrimonio, contra o silencio da noite... e as urxencias se enchen de mozos e mociñas novas en coma etílico... Cando na madrugada e no asfalto da estrada queda perdida pra sempre a esperanza e o futuro dunha casa... Convén cavilar sobre o que ser humano cultiva, onde nace e pace a cultura e a acultura.

E tras do viño unha longa Historia, con maiúscula, a dos viñateiros, dos corredores, de arrieiros, maragatos, de tabernas de mesóns con mesas relavadas polas fregas de lixivia o recubertas de mantel... Universo literario co que viaxa a cultura, os saberes e as palabras.

Tempo de traballo e de festa o setembro da vendima e a mostada, do que da boa conta a melindrosa señora condesa de Pardo Bazán na novela de El Cisne de Vilamorta, páxinas inspiradas na vida do pazo do seu marido, don Xosé Quiroga, o de Banga, empoleirado na bocarribeira entre os ribeiros do Avia e do Arenteiro e que a condesa, dende a súa óptica cortesán madrileña, denomina El Borde.

Setembro é o mes da vendima, celebrada de xeito ancestral, case romano, na parroquia da Hermida, outeando dende un castro o val de Quiroga e vixiando os camiños do Courel, con tanta arqueoloxía baixo o seu chan, onde se atopou o altar-Crismón de mármore, hoxe no Museo Diocesano de Lugo, labra cristián do século IV. Festa esta coñecida polo nome das Pampornigas, celebración con lembranzas dionisíacas en relación cos pámpanos, os acios e a vendima, coa procesión, as figuras de Adán e Eva e un Demo a bater na xente...

Dende que se vai conformando e madurando a cultura grecolatina, da Antigüidade ao Medievo, por algo se representa setembro cunha escena de vendima. Simbolismo ascético, longo proceso que vai dende a sementeira a un brinde cun longo proceso por medio. Sabia determinación a da Santa Madre Igrexa de constituír en cenáculo o viño e o pan como sacramento: "produto da terra e do traballo dos humanos..." erguelo ao Ceo en merecido cerimonial pra logo ofrecelo e compartilo en comuñón... Intre parello coa aquela atinada frase de Plinio o Vello que di In vino veritas, xa que cuns grolos de viño brota a autenticidade que un leva presa dentro. O viño é zume de cultura.

E Galiza é terra de inmellorables viños dende a Antigüidade romana, cando este cabo do mundo se constitúe como pobo... asunto continuadi no medievo do reino Galaico-Leonés. Terras humanizadas pola misión de ora et labora deses centros multinacionais político-relixiosos que foron os mosteiros, e máis os do Císter. Reino cristián que presumiu e máis aínda debera, de viños, viñedos, de bocarribeiras abertas en socalcos aos seus ribeiros... Moitos deles nos anos da ditadura asolagados por encoros: pan pra uns poucos (e ademais foráneos) e fame pros que beben e viven aquí, facturados á emigración.

Testemuños arqueolóxicos, enográficos, artísticos, literarios sobre esa fonte de cultura que é o viño non faltan, o que falta é un Museo do Viño ou dos viños galegos, non so en cada unha das rexións vitivinícolas de Galiza, senón tamén museos da mesma historia de cada adega. Ao respecto hai meritorios esforzos, particulares sempre, de bodegueiros, gastrónomos, críticos e mesmo de colectivos que levan prendido o amor a Galiza, como a Granxa de Arxeriz, con castro e pazo recuperado na Ribeira Sacra do Miño, en Escairón. Namentres levamos dende os anos sesenta do século pasado agardando por unha iniciativa de Chamoso Lamas, a de crear en Ribadavía o Museo do Viño do Ribeiro. Idea reconvertida á morte do historiador da arte en Museo Etnográfico. Seguindo á espera o montaxe e apertura do prometido, por parte da Xunta de Galicia, do Museo do Viño de Galicia na sorprendente casa reitoral da parroquia de San André de Camporredondo (Ribadavia), camiños do concorrido santuario da Virxe das Areas.

Mentres tanto moito deberamos aprender da Rioxa, de Portugal... das iniciativas da Provenza... sobre a orixe, a orixinalidade, do pasado e o presente dos viños... Polo de pronto tempo perdido na promoción dun recurso , fonte de cultura e de traballo inesgotable.

Viticultura, vinicultura resumida na vitivinicultura, ciencias maduradas co paso dos anos e que moito mais de si darian. Asunto vello e de sempre, xa glorificado polos xeógrafos da Antigüidade como Catón, Varrón, Columella, Plinio, Strabón... Facéndonos preguntas dende cando se introduce a cultura da vide na Gallaecia, seguro que foi, como tantas cousas, o idioma tamén, dende a romanización, aínda que moito antes gregos e fenicios eran asiduos visitantes deste confíns. Os mesmos cronistas grecorromanos ao facer as descricións destas terras que emproan ao Mare Tenebrosum, contan que por aquí, os célticos, eran bebedores do zythos, un beberaxe feito con froitos e que os interpretes queren ver a equivalencia coa sidra ou coa cervexa, as bebidas comercialmente máis celtificadas. A abundancia de ánforas, de lagares rupestres, os lacus como ben deron a coñecer recentemente en Galiza os sumillers Luis e Alexandro Paadín... entre tantas tradicións cristiáns fronte a un islam que prohibe viño e a carne de porco... e, entre estes imperios o galaico-leonés foi abandeirado, mesmo capaz de reconverter as lendas célticas de comunais caldeiros sacros no Grial, vaso sacro que mesmo, co pan, campará no escudo de Galiza.

Viño que aviva os cinco sentidos e os saberes, se se fai coa recomendada "temperanza báquica". Saber beber en definitiva. Viño que pasa á medicina, á farmacopea e mesmo aos spa, os baños de viño, xunto coas novas aplicacións á cociña e a ese infindo xogo de licores.

Velaí as pinturas e esgrafiados etruscos de vasos con temas dionisíacos, de festíns descarados, datados dende antes do século VII a. C. As pinturas murais de tumbas onde se celebraba a morte cun festín e correr de viño de xerras a crateras... Entendendo que o viño guía o soño da paz. Viños comercializados na Antigüidade, levados traídos en ánforas...velaí o Monte Testaccio, inmediato ao porto do Tiber, en Roma, feito de anacos de ánforas.

E alegranos ver cando neses estudos sobre o comercio do viño en tempos de Roma fan alusión ao "Negretto, a il Donzellino, il Gallego del Portogallo, il Gamay Geoffroy francés, Henab rosso de la Turchia, il Grecco de Campania il Riesling itálico dil Véneto...".

E tanta enoarqueoloxía, complementaria e perdida como a referida ás cubas, sabendo que niso dos toneleiros e dos pipotes, coas súas doelas de madeira ou de ferro, fomos mestres... mesmo os ingleses mercaban viños galegos, máis que polos viños, polos pipotes de madeira de castiñeiro ou carballo, pra envellecer nelas os seus Sherry. Vellas cubas que crian bos viños.

Toda unha historia en relación mesmo coa olería: as ambóas de Portomourisco, Gundivós, Lañoá, Niñodaguía, Batán Tioira... centros oleiros extinguidos pouco despois da metade do século XX.. Viño asociado ás cortizas, aos corticeiros, a etiqueta co seu deseño... coitelas, culeiros, molidas pra a vendima... pragas... leis, arte arredor do viño, a bibliografía, as cofrarías de capa, sombreiro e catador, como a Irmandade dos Viños Galegos. Un universo con orixe e orixinalidade, propio de explicarse en museos.