Onúmero de escravos na actualidade é de entre nove millóns e 27 millóns, o número máis alto na historia da humanidade. Unha lacra inadmisible neste século XXI. Se nos imos ata Asia do Sur, atopámonos que a maioría dos escravos sono por débedas contraídas con usureiros. O terrible desta situación e que, ás veces, prolóngase durante xeracións pois, se cadra, un neto acaba pagando a débeda do seu avó. Mais ata ese instante tres xeracións viviron como escravos. Logo hai outro tipo de escravitude, que escapa a calificativos: é a trata de persoas, cuxo destino final no caso de moitas mulleres e nenos é a prostitución. Unha industria criminal que nun futuro superará o tráfico de drogas. Cada ano entre 600.000 persoas e 800.000 persoas son traficadas nas fronteiras internacionais. Logo hai países como a India, que acaba de abolir a prohibición da homosexualidade e do lesbianismo, pero que, oh, paradoxo, continúa vivindo baixo o sistema de castas. Os dalits son a clase máis baixa, os parias, por así dicilo. Eles realizan as actividades máis baixas, ás veces cunha precaria remuneración e ás veces sen ningunha. Segundo crenza popular non teñen a súa orixe no corpo do deus Brahma, polo que son considerados indignos. As castas máis altas chámanos os intocables, pois temen contaminarse se os tocan. Nas urbes, evítase practicar publicamente este tipo de escravismo, pero de portas para dentro continúa vixente. Nas zonas rurais, sen embargo, practícase abertamente. Poríamos irnos a África, onde o escravismo campa con total impunidade en moitos países. Os nenos escravos de Togo, as persoas que están sendo vendidas en mercados libios como no medievo e Mauritania. De Mauritania falaremos outro día, porque a historia deste país non se entende sen o escravismo e aí seguen sen que ninguén o remedie. E alguén podería dicir: "E nós preocupados polos másteres de Cifuentes, Casado, Montón e a tese de Sánchez". E tería razón, pero só en parte. Nalgúns países africanos os seus presidentes comen a carne humana dos seus inimigos e en Corea, o ditador, arroxa a un curral aos seus familiares, presuntos traidores á súa persoa, para que os devoren uns cans rabiosos. Son actos dunha gravidade e dunha incomprensión para nós moi profunda. Por iso, debemos esixir que dimita todo aquel que nos engane. Baixar a garda en casos de corrupción ou falsidade e abrir as portas á violencia e a senrazón. En África, cidadáns que nunca chegaron a rematar a primaria ou o instituto, están dando clases como mestres e licenciados en colexios e institutos. Agora comprenden o baixo nivel que o estudantado ten por eses lares. Aló a corrupción é popular, non só política. Os clans e as tribos funcionan para poñer a traballar aos seus, comprando títulos no mercado negro. As leis son importantes, por iso aqueles que lexislan teñen que ser exemplo para a cidadanía. Aprender a dimitir é un xesto de civismo moi recomendable e san para os nosos responsables políticos. Porque nós debemos ser un exemplo para os que sofren, que deben de ter como modelos nacións nas que non se permite a corrupción e a mentira pública aos seus gobernantes. Mentres tanto, non miremos cara outro lado, o escravismo agarda que fagamos algo para erradicalo da face da terra.