Ante unha noticia como a decisión empresarial de pechar as factorías de Alcoa da Coruña e Avilés o normal é analizar as causas, as reais e as invocadas, e ver ata que punto son certas ou un farol, se é unha medida reversible ou irremediable, e por que se chegou a este punto e se hai unha solución posible. Pero o que non hai moito que analizar son as consecuencias. Case 700 persoas, 369 na Coruña, máis os que traballan indirectamente para a empresa, perderán o seu emprego. Xente que na súa maioría levaban anos nel, especializados, e cunha idade na que o chamado mercado laboral te mira como un apestado. E nun sector, o industrial, que non é que estea precisamente en expansión. 700 dramas reais.

Este drama xa o levamos vendo desde hai anos, hai tantos que nin siquera se lle podía botar a culpa a China. Daquela, os dramas persoais quedaron atenuados porque había cartos, pero a agonía do sector, dos seus futuros postos de traballo, non houbo quen a remediase. Había cartos, pero non todos foron aos petos dos traballadores despedidos. Moitos foron para unha chea de espelidos, que os recibiron a cambio de levantar esperanzas, o único que acabaron levantando. Neste caso, os cartos xa se deron. Unha das contas que se botan é que Alcoa recibiu nos últimos anos 1.000 millóns de euros en axudas públicas. Sempre me pareceu estraño ese sistema de subvención que non leve aparellado un compromiso de manter o subvencionado. Mil millóns entre 700 traballadores dá un resultado de case un millón e medio por persoa, o que vén sendo vinte anos de salarios de 75.000 euros para todos, que non está nada mal, ou 37.500 para o dobre de xente ou o dobre de anos. É dicir, case pagaría a pena pagar a toda esa xente para que non faga nada, ou para que fixese servizos á comunidade. Supoño que o problema sería que habería un exército de berros "E por que non a min?", pero total, eses mil millóns xa no los tiñan quitado a todos, entón, por que darllos a unha empresa podéndollos dar a moita xente para que monte algo?

Esa chea de millóns foi en bonificacións eléctricas. Agora Alcoa di que a decisión de retirarse non ten nada que ver co prezo da enerxía, senón coa ineficiencia das factorías. É relevante que, sendo os destinatarios de case un terzo das bonificacións de toda España, e tendo aquí unha porcentaxe similar do seu mercado total, non aproveitase esa axuda para renovar os sistemas de produción. É máis, no comité de empresa aseguran que, se se descontaran os custes enerxéticos, as dúas factorías que hai en Noruega, cada unha igual que a da Coruña e de Avilés, serían máis eficientes as de aquí. E por que o prezo da enerxía está en máximos históricos? O ano pasado, segundo as eléctricas, porque a seca obrigaba a tirar das tecnoloxías de produción máis caras. Este ano, que os embalses rebordan, porque o petróleo está caro. O cando o petróleo baixe, como está baixando, será porque o vento xa non sopra como antes. Sempre é por algo, aínda que algo terá que ver que unha chea de ministros acaben atopando postos nos consellos de administración das eléctricas. E por que a enerxía custa o mesmo onde se produce que onde non, co que aquí teríamos unha vantaxe competitiva importante? Porque o mercado eléctrico é único, seica. En definitiva, todo isto pasa, como dicía un traballador de Alcoa, porque eliximos a quen eliximos.