Que malas noticias. En Vigo fechan un museo. En Coruña o MAC, un espazo de ideas e de encontros. Canto custou armar a posibilidade da existencia de ambos. Para isto? Un día os artistas tomaremos o poder e remataremos coas burocracias e as burrocracias. Que cansazo, señor. Mentres, a excúpula de Caixanova enfróntase a catro anos de cárcere. Persoalmente, o cárcere non llo desexo a ninguén. Pero eles son a solución. Que poñan a pasta para que non se fechen os centros artísticos de Vigo e A Coruña. Como teñen que devolver pasta, pois podía ser un camiño, non? Ao final, todo era verdade. Troia existiu. Homero non estaba trabucado. Cantou ao sol do Mediterráneo como ninguén e o vento das naves e a altura das murallas. Novos achádegos confirman que todo foi verdade. E que non só a Ilíada, senón tamén a Odisea son a nosa orixe. Un barco no mar Negro, nun estado de conservación impresionante, case delirante para un amante destes mundos, lévanos a moitas ánforas que reflicten o mesmo tipo de barco e de navegación. Pero a burramia persiste. En Navarra, a miña amiga, e admirada presidenta Barcos, aproba un libraco onde se asevera que "o amor romántico é o inicio da ideoloxía machista". Podería ser. Pero o problema é que está editado para nenos e nenas entre tres e seis anos. Algo falla. E na Coruña, un concurso municipal puntuaba non ser heterosexual. Algo falla. Que demos está pasando? Trump quere movilizar non só á Garda Nacional para parar a caravana de hondureños. Cá, pretende que veteranos da guerra tamén acudan cos seus rifles á fronteira. Señor. Outra vez Charlon Heston? Descuartizan a un xornalista saudí. Tiran por unha xanela a un opositor ao réxime chavista. Que semana. Ortega en Nicaragua, impide que se manifesten contra el. Pero onde acaba isto? Tal vez, se Héctor non fose cruelmente asasinado por Aquiles e Patroclo non fose impuslivo e Príamo un inxenuo e Agamenón un codicioso, e Ayax unha besta? Se cadra, o mundo sería outro. Pero a ambición, o mal carácter, a cobiza e o asasinato, desgraciadamente forman parte da nosa herdanza. Tan inxusta como real.