Teño algúns cuñados dos dous sexos (cada un do seu, quero dicir) relacionados coa cousa xurídica, polas dúas partes (pola de xulgar e pola de atender aos xulgados). E sempre que hai algún fallo polémico, adoitan virme co conto de que "pois a verdade, a sentencia está bastante ben fundada". "Que menos!", digo eu, "para xustificar algo así hai que buscar fundamentos ata debaixo das pedras". Xa dicía Napoleón que hai tantas leis que ninguén está seguro de non acabar colgado. Sei que hai sentencias de acordo coas normas, non de acordo co sentir popular, aínda que as normas deberían seguir as directrices do que marca a sociedade. Pero creo que en moitos casos esquécese de aplicar unha norma que debería ter o rango de lei fundamental: o sentido común.

En Barcelona, por exemplo, xulgaron por roubo con violencia e intimidación a un home que asaltou unha panadería. O fiscal pídelle a pena máxima posible -cinco anos- menos dous meses porque o home ía armado cun instrumento cortante, ao parecer unha lata. Se vostedes están pensando que vaia atracador, que nin unha navalla trae, teñen toda a razón. De feito, o primeiro que fixo o delincuente ao entrar é preguntarlle a un cliente se lle pagaba un bocadillo. Como lle dixo que non, colleu un do mostrador e foise. E a lata? Coa lata cortouse el mesmo no brazo, para demostrar que facía o que facía (mangar un emparedado) non por vicio, senón por fame. De feito, nin pediu nin levou os cartos da máquina rexistradora. Obviamente, a petición fiscal baséase na lei, na que establece que os asaltos con violencia están penados de seis meses a cinco anos de prisión. Alguén, empezando polo fiscal, cree que é proporcionado catro anos e dez meses de prisión por roubar un emparedado sen facer dano a ninguén (quitado, en todo caso, a si mesmo)? Por poñer un exemplo, Iñaki Undargarin, polos delitos de malversación, tráfico de influencias, prevaricación, fraude á Administración e dous fraudes fiscais (e non precisamente, porque pasara fame, que malo sería que o sogro non o socorrera), foi condenado polo Supremo a só un ano máis: cinco e dez meses.

Tamén debe haber algunha razón xurídica que se me escapa para que na Audiencia Nacional (organismo que naceu o 5 de xaneiro de 1977, ao día seguinte de que se extinguira o Tribunal de Orden Público) entenda, e mesmo condene, como delitos de terrorismo unha rifa de bar ou unhas cancións e logo ter un arsenal de guerra, cualificación para usalo e desexos confesos de usar todo iso para matar o presidente do goberno non o é, e queda nunha difusa "tenencia ilícita de armas", como se ter metralletas e rifles de longo alcance fose o mesmo que ter unha escopeta de caza sen declarar. Nalgúns casos, sobre todo cando os revisan os tribunais europeos, estas cousas quedan en "erros xudiciais". Despois de X anos, anos que o inocente pasou preso. Todo iso porque son asuntos que non causan "alarma social". Se a causaran, como a que parece que causaría a sentencia do Supremo que impoñía aos bancos pagar os gastos das hipotecas, o sentido común indica que hai que tirar de inmediato a moeda outra vez ata que saia cara onde antes saíu cruz.