Xa saben que os norteamericanos do norte, pero non tanto como para ser do Canadá, teñen días para todo. Días federais dedicados a isto, días estatais en memoria de ese, e festivos locais na honra de aquel. Así comezou, a principios dos anos 60, o Black Friday, o costume de facer rebaixas ao comezo da campaña de Nadal, e que provocaba tales aglomeracións de tráfico que a policía comezou a denominalos os "venres negros". Nas iniciativas que teñen que ver co consumo, todos os santos axudan, e así, de celebrarse o día despois de Acción de Gracias (o cuarto xoves de novembro), foise ampliando, e agora xa temos a campaña a mediados de mes, e supoño que irá madrugando cada ano.

Aquí tamén o celebramos, por suposto (acabaremos celebrando o 4 de xullo, aínda que sexa o Independence Day), pero desde hai un tempo, temos uns venres negros propios e específicos. Empezaron sendo os que facían os traballadores de TVE, ou para ser máis exactos e máis xustos, as traballadoras de TVE, que defendían así o que eles consideraban manipulación da información (considerábana eles e, se queren a miña opinión, calquera que vira con certa distancia moitas das informacións que emitía a principal canle pública deste país). E seguiron, e seguen, polas mesmas razóns, as traballadoras e os traballadores da Crtvg. Sempre se di que cando os xornalistas somos noticia, é unha mala noticia (aínda que tamén se di que as únicas noticias son as malas, as boas son publicidade). Pero cando un colectivo protesta, e a protesta vai máis alá da lexítima e necesaria demanda de mellores condicións económicas e laborais, é dicir, cando se pon a cara, e se corre o risco de quedar mal con quen manda (ben, risco ningún, efectivamente quédase mal con quen manda) hai que recoñecer que algo pasa.

Nun país no que ata os xuíces son de orientación máis predecible que un partido Barça-S.D. Sin Querer, que uns xornalistas queiran ser imparciais, ou para ser correctos, veraces e plurais, é case como para abrazalos un a un. Sei, porque non nacín onte, e porque despois de nacer frecuentei eses ambientes, que en certos casos, algúns están á contra por razóns extraprofesionais, ou estano de oficio, e que con toda seguridade, se eles estivesen arriba, terían unha conduta cuspida á que agora critican. Pero iso non quita que a conduta criticada sexa máis ou menos reprobable. De feito, o problema non adoita ser quen manda, ou soamente quen manda, senón como se manda. E non é algo que afecta soamente aos medios públicos. A información de trincheira, feita con obxectivos moi distintos de contar o que pasa, desprezando tanto a intelixencia de quen a consume como a profesionalidade de quen é obrigado a perpetrala é, como se di agora, tendencia. Incluso pendencia. A diferenza é que os medios públicos son de todos, e por iso todos temos dereito a reclamar, e os seus traballadores os primeiros, de que o "produto" que elaboran sexa máis de calidade que de cantidade. Os outros sempre poden argumentar, e de feito argumentan, que se o cliente non está satisfeito, que consuma outra cousa, pese a ser en moitos casos concesións de servizos públicos, e de invocar esa función social cando convén.

Defender a Galega, como reza o lema dos "venres negros" non é só defender as reivindicacións lexítimas duns traballadores, como a xente de Alcoa que ve desaparecer o que foi o seu medio de vida. É defender o dereito que todos temos a que nos informen sen obxectivos distintos, empresariais ou políticos. Para logo poder esixir que o fagan ben.