Non sei cando se puxo de moda iso de celebrar os grandes acontecementos mediante os recordos non xa de quen os protagonizou, senón de quen andaba por alí. Ese xénero de "Onde estabas ti cando...". Supoño que é unha forma de democratizar os feitos históricos, ou de facer ver que o importante non é tanto o que realmente pasou, senón o que a cada quen lle parece que pasou e ser así parte dos protagonistas.

Eu por exemplo, souben da morte de Franco en canto me sentei nun autobús da liña 12 da EMT de Madrid, que facía o traxecto Parque de la Fuente del Berro, a parada onde o collía, a Moncloa. O home do asento de adiante miraba a portada do ABC, coa cara do defunto sobre fondo negro e o titular "Franco ha muerto". No bus non se sentía voar unha mosca. Era o xoves 20 de novembro de 1975. Agora resulta que non era certo. Era certo o do bus, que era da liña 12 e o do home do ABC. Pero contra o que se celebra, uns por unhas razóns e outras por outra, Franco non morreu o día 20, senón o 19.

Cóntao o forense que o embalsamou, Antonio Piga, fillo e neto de forenses. Piga, que agora ten 78 anos, confirma aquilo que moitos sospeitaban, que aquel "proceso gripal que ha originado una crisis de insuficiencia coronaria aguda que está evolucionando satisfactoriamente", segundo a comunicación oficial do Goberno, ata o punto de recibir "en su despacho al presidente del Gobierno, con quien mantuvo una conversación de 45 minutos" era unha milonga. Aquel mesmo día, 21 de outubro, o médico persoal de Franco, Vicente Pozuelo, xa avisou os Piga, pai e fillo, para que estivesen preparados e localizables por se tiñan que actuar. Os Piga pasaron practicamente un mes pechados na casa, co material de embalsamar no maleteiro do coche, sen atreverse mesmo a sacalo, por se llo roubaban e se quedaban sen o equipo.

Estiveron xa a punto de saír cando a famosa intervención de urxencia en El Pardo. Era o 2 de novembro e os médicos de Franco tiveran que operalo nun cuarto calquera, e baixalo envolto nunha alfombra a unha ambulancia -a camilla non entraba polas escaleiras- para internalo no Hospital La Paz, porque se lles ía. Por fin, o 19 de novembro ás dez da noite chamaron aos Piga para que se preparasen e as 12 para que fosen. Chegaron ás 0,40e o cuarto do hospital non era o de alguén que acababa de morrer. Estaba todo ordenado e despexado, sen ningún dos aparatos que mantiveron moribundo a Franco tantos días. Só o cadáver na cama, espido e cuberto cunha saba. Antonio Figa asegura que levaba morto varias horas. O proceso de embalsamamento durou ata as catro da mañá. A acta notarial do falecemento, asinada polo médico e polo presidente do Goberno, Arias Navarro databa -e sigue datando- o óbito ás 05,25 da mañá do día 20. Como iso non cadraba con que o embalsamaran hora e pico antes de morrer, pedíronlle os doutores Piga que cambiara a súa acta, e puxeran que comezaran a traballar ás 05,30 e remataran ás 10 da mañá. Non obstante, os Piga estaban as 6 da mañá no Pardo, nunha misa de corpo presente coa viúva.

Por que lle cambiaron a data? Hai quen di que para que coincidise coa morte de José Antonio Primo de Rivera. Outros que foi para dar a noticia cando todo o mundo estaba na cama. Ao mellor é que estaban tan afeitos ás mentiras que non lle saía outra cousa.