Catedrais, castelos, palacios, museos, fontes e monumentos, significativo patrimonio inmoble; pero tamén esculturas, retratos de reis, da súa familia e da corte, mesmo dos santos da corte celestial, de martirios e de mitos, de ermitáns e prostitutas... tesouros de coroas, cálices, custodias, vaixelas... documentos, libros... patrimonio moble, parte do Patrimonio Cultural do pobo aturando momentos de auxe e de miseria . Uns e outros emblemas de casta e rango, obxectivo de destrución ou botín entre un estado de loucura alimentado polo brete das guerras. E visto o que se ve semella que non damos aprendido. Compren nas aulas e na casa leccións cotiáns para un debate permanente, exemplos, ilustracións, bibliografía e películas sobre o tema.

Uns construíron e inauguráronse monólitos, estatuas, santuarios, palacios, outros profanáronnos, espoliáronnos, queimáronnos en nome de unha ou outra revolución arredor de calquera líder ou deus... uns e outros burláronse de lemas, himnos, bandeiras, escudos, aguias, leóns, pombas, cruces, estrelas, esvásticas, entre os máis varios pintos símbolos pra fanatizar e provocar. Evidente proba da capacidade creadora e depredadora do ser humano. Cando o malo non son os artefactos, senón as ideas coas que se bautiza ao linguaxe e ás formas.

Cando comanda a irracional ira integrista a onda iconoclasta bate no Patrimonio cultural, deixándoo a favor da destrución, do saqueo e do espolio. Entre nós non se pode esquecer o precedente da Guerra Civil Española, onde os dous bandos, aínda con distinta composición política, ideolóxica, cultural, enguedellados nunha loita fratricida, coinciden, iso si, en crear corpos especiais, como unha Cruz Roxa da Arte, coa que poñer a salvo ao patrimonio cultural común atesourado ao longo do tempo. Corpos, comités, comisións con diversas orixes, pero sensibles, os que, aínda que opostos contrincantes ocuparanse voluntariamente da salvagarda do patrimonio artístico. Persoas designadas polas respectivas autoridades políticas, funcionarios, especialistas, profesores... Entre estas foron modélicas as iniciativas da Generalitat de Catalunya, dos seus museos e especialistas a fin de deter a vandálica carraxe destrutora, mesmo de xoias e tesouros litúrxicos que corrían o risco de ser fundidas... Hoxe, outros, ignorantes do pasado, reclaman o que alí se puxo a salvo da barbarie. Ilustrativa é a iniciativa do escultor e coleccionista de arte barcelonés Federico Marés, militante da FAI, chamando aos milicianos para salvar do lume ao Museo Diocesano de Barcelona: "Esquecede a orixe relixiosa destes obxectos, ante todo son obras de Arte e cultura e vos sodes dunha cultura que até agora vos negaron os explotadores... ademais teñen prezo, son do pobo e poden axudar á causa...".

Resulta sintomático que respecto ao patrimonio artístico os golpistas franquistas falaban de "recuperación" e os republicanos, asumindo xa a perda da guerra referíanse a "evacuación", termo que connotaba o perigo de "exportación" a outros países dos bens culturais. De xeito preventivo o goberno democrático da República xa tiña creado o 23 de xullo de 1936, por iniciativa de José Bergamín e da Alianza de Intelectuales Antifascistas, a "Junta de Incautación y Protección del Tesoro Artístico" coas súas delegacións provinciais e a correspondente estrutura xerárquica, actuando baixo a Dirección General de Bellas Artes. Con tal motivo e a fin de poñer a seguro o patrimonio cultural máis significativo determinouse e fíxose o traslado das obras do Museo do Prado, así como dalgúns outros museos e a palacios a Valencia e posteriormente, a través de Cataluña, auxiliados por organismos e especialistas de museos internacionais ao Palacio das Nacións de Xenebra, onde se depositarían baixo a tutela da Sociedade das Nacións. Outros bens aseguráronse entre os muros do Castelo de Perelada en Girona ou no fortín da Algameca en Cartaxena. Mentres que pola banda dos sublevados, tempo despois e xa metidos nos combates foi creado o Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico Nacional (SDPAN) o 22 de abril do 1938, organización posta baixo a dependencia do provisorio Ministerio de Educación, instalado en Victoria, dirixido daquela por Pedro Sainz Rodríguez, Eugenio D´Ors e coidando aspectos técnicos o arquitecto Pedro Muguruza, ao que ao final da contenda se lle encargaría o deseño do Valle dos Caídos, namentres que a subcomisaría xeral estaba a cargo do historiador da Arte, o Marqués de Lozoya, actuando na responsabilidade destas tarefas e como secretario o pintor galego Xulio Preito Nespereira, entre varios outros galegos como Álvarez de Sotomayor, Sánchez Cantón... seguido de axentes de vangarda nas trincheiras do fronte coa consigna e misión de que non había motín de guerra se non a recuperación do patrimonio do Estado... Finalizada a guerra, vencedores e vencidos, como seres da cultura, souberon recoñecerse e aínda máis colaborar estreitamente cos inventarios en man en todas as tarefas de consolidación, restauración e devolución. Páxinas da historia que, dalgún xeito, alivian a limpeza da brea dos fanatismos, punto de encontro, lección sobre a que reflexionar pra non repetir. Hoxe material de documentación, actas de incautación, fotografías, inventarios, rexistros, etc. abertos ao estudo no Arquivo do Instituto de Patrimonio Histórico, sumando diversas publicacións e películas sobre o tema, todos coincidentes no papel dos dous grupos, mesmo como lembra unha placa no Museo do Prado, como recomendable é a película Las Cajas Españolas (2004) de Alberto Porlán. Igualmente, inspirado neste ir e vir do patrimonio Rafael Alberti escribiu unha obra de teatro titulada Noche de guerra en el Museo del Prado, mesmo a película de La hora de los valientes que toma como inspiración momentos tan duros

Finalizada a Guerra Civil, o pintor catalán José María Sert, encabeza unha comisión pra reclamar ante a Sociedade das Nacións de Xenebra o Patrimonio Cultural Español alí depositado e exposto previamente. Un ano despois de iniciada a Segunda Guerra Mundial, en setembro do 1939, entre tan difícil situación determínase o retorno das obras españolas, todo un periplo dun mes de duración, esquivando os bombardeos alemáns en territorio francés. Tren e vagóns nos que tivo un importante papel o historiador da arte galego, Manuel Chamoso Lamas, tema ao que se refire en varias ocasións: os problemas pra pasar polos túneles debido aos lenzos de gran formato, as esperas, a circulación nocturna, etc. Anos nos que mesmo o xeral francés Petain, o que no 1939 fora embaixador de Francia en España e inmediatamente despois xefe de Estado na Francia ocupada polos nazis, convina con Franco -entre o que son aínda escuros pactos e prebendas- devolver outras obras espoliadas polos franceses xa en tempos de Napoleón, así retornan a Inmaculada de Murillo, o Tesouro de Guarrazar, a Dama de Elche... entre varias outras emblemáticas obras do patrimonio español, prometendo o goberno da ditadura entregar a cambio aos franceses un Greco do Museo de Vilanova e la Geltrú... pero a picaresca hispana evitou que se consumara este cambio. O feito axudou a maquillar as xestións do goberno franquista.

No 1943 a ditadura da por finalizada a recuperación de bens patrimoniais pra seguir noutras tarefas de restauración e reposición, as que dende 1968 será baixo as directrices da Comisaría Nacional del Patrimonio Artístico Nacional, a máis da central repartida en zonas cos seus respectivos comisarios de Bellas Artes: noroeste con capital el León, Cantábrica con capital en Donostia, primeira zona central con capital en Sigüenza, segunda zona central con capital en Toledo, Levante con capital en Zaragoza, Andalucía baixa con centro en Sevilla, Andalucía alta en Granada. Asuntos que serían modificados coa Constitución Española de 1978 e o Estado das Autonomías do ano seguinte. Así é que detrás de cada obra de Arte hai unha longo historia e lección.