Parece ser que algunhas mozas e algúns mozos andan preocupados polo cambio climático. Iso está ben. Non todo vai ser botellón, monopatíns e internet. E digo isto porque en Suecia unha rapaza de nome Greta Thunberg, negouse a asistir ao colexio ata que as autoridades do país no tomasen conciencia sobre este gravísimo problema. Os seus panfletos e a súa decisión chegaron ao Parlamento e aos medios de comunicación. Nun dos seus escritos podemos ler a seguinte declaración de principios: "Estou a facer isto porque a voz, os adultos, impórtavos unha merda o meu futuro". Todos lembramos as imaxes deste verán. Chuvias en Andalucía e o Levante hispano e trinta grados de temperatura e un sol endexamais visto nos fiordos e illas nórdicas. O certo é que o exemplo de Greta callou noutros mozos e mozas. Na mocidade de Australia. Nada menos que quince mil rapaces deixaron de asistir a clase a semana pasada diante do fracaso do seu goberno para tomar medidas contra o cambio climático. O goberno fixo un comunicado no que afirmaba que "queremos nas escolas máis aprendizaxe e menos activismo". A resposta tivérona nas rúas cunha chea de manifestacións nas que se berrou "deixaremos de ser activistas cando vós deixedes de ser uns merdas". Greta está a converterse nun referente mundial. Noutros dos seus escritos sinala que terá que ser a súa xeración a que se encargue de resolver este problema, porque a xeración dos seus avós e dos seus pais aínda seguen negando o cambio climático. Son moitos os que se manteñen nesta rara opinión. A potencia da natureza é tremenda e cando rebenta faino ao grande. Estamos asistindo a terremotos, riadas, erupcións de volcáns, tsunamis, furacáns, temporais cunha frecuencia moito máis cotiá que antes, pero segue habendo escépticos. Claro que escépticos hainos de todas clases. Mesmo hai xente que está convencida de que os venezolanos emigran como os galegos por afán de aventura e non por necesidade. E xa van preto de dous millóns os que cruzaron ou están a piques de cruzar as fronteiras. Hai algunhas que teñen máis sorte, como un par de amigas que se marcharon a Chile a traballar como empregadas do fogar, e fixérono en avión. Todo un luxo. Ata hai unhas semanas eran profesoras de universidade. Pero o soldo non da para manter a familia. Todo un cambio climático. Pasar do Caribe ao frío andino de Chile. E aínda haberá quen pense que é por afán de coñecer mundo.