Un dos peores síntomas de que as cousas non van ben é que os periodistas sexamos noticia. Falo dos periodistas que fan noticias, non dos que as comentan ou inventan. Aparecer nos titulares polo normal é como notar que o estómago está a facer a dixestión. Cando se nota, malo. E o certo é que estamos tendo unhas dixestións xornalísticas bastante pesadas.

Os últimos, e ben graves, ardores estomacais son esa incautación, por orde xudicial, do teléfono móbil, ordenador e documentación dunha xornalista da delegación de Europa Press en Baleares, e do mesmo intento de facelo cun periodista de Diario de Mallorca. A razón era investigar a orixe dunha filtración relacionada co caso Cusarch. O tal Cusarch é un empresario da noite mallorquina, acusado de ter organizado unha mafia tirando a grande. Segundo o esquema habitual, ademais dos habituais sicarios con contrato laboral -supoñendo que o tivesen-, nela estaban integrados, pagados con favores e/ou metálico, policías locais, políticos e outra xente de orde con demostrada utilidade á hora de favorecer os negocios do empresario e estorbar, cando non impedir, os da competencia. Entre esas utilidades, parece que estaba a de promover tanta presión que o xuíz que comezou a investigar o caso e o fiscal necesitasen permiso de armas, que algunha testemuña de desdixera do declarado, e tamén a de conseguir que substituíran ao xuíz inicial por outro.

Unha das medidas do novo maxistrado foi a de procurar a orixe das filtracións da investigación, quizais por ese pensamento tan noso de que o peor non é que se cometan maldades, senón que se saiba que se fan e quen as fai. De aí o refrán ojos que no ven, corazón que no siente.

Por se pensan que nas Facultades de Periodismo hai prácticas de escalada de muros de dependencias xudiciais, se imparten técnicas de desbloqueo de arquivos, físicos ou dixitais, e nocións básicas de microfilmación de documentos déixenme que lles conte como son as filtracións. Quizais se sorprendan, pero todas as informacións que aparecen nos medios é porque alguén as deu. Ben publicamente, vía comunicado ou rolda de prensa, ben polas agachadas, e nese caso chamámoslle filtracións ás que saen dunha institución. As motivacións dos filtradores poden ser de nobres (descubrir maldades) a perversas (amolar a alguén). Pero saen de onde están, non doutro sitio. Quero dicir que se o xuíz ese de Mallorca quere saber de onde sacaron os periodistas a información de que o empresario nocturno defraudou entre 2010 e 2016 polo menos uns 65 millóns de euros, o que ten que facer é requisar os teléfonos e os ordenadores dos que traballan no xulgado. Ou do Grupo de Blanqueo de Capitales da Policía Nacional, que foi onde fixeron o informe.

Hai unha xurisprudencia máis que ampla e clara que defende iso que chamamos "secreto profesional/dereito a non revelar as fontes". Por se iso non existira, os medios unicamente difundirían propaganda. Que se pase isto por alto, ou polo forro da toga, quizais se deba a que ultimamente parece que hai xuíces que se fan co código penal e coa enciclopedia Aranzadi nos chinos, coas leis traducidas co mesmo esmero que as instrucións dos trebellos electrónicos que alí venden. Aínda que en medios xudiciais hai quen sospeita de que cunha manobra tan basta, o que se pretende precisamente é que declaren nula a instrución. Ao mellor teño un punto de vista moi gremial, pero con todo ese ambiente creo que non está de máis esixir que os periodistas poidan traballar tranquilos.