Non sei vostedes, pero eu teño a sensación de que esta Navidad como que me caeu enriba, sen darme demasiada conta. Quizais porque pasamos do verán ao inverno, sen outono polo medio, ou porque reducín drasticamente o meu consumo televisivo, e polo tanto da publicidade referencial destas datas. Se lles digo a verdade, a primeira sensación de Nadal que tiven foron as famosas declaracións de Abel Caballero na que adiantaba a luminorrea que tiña preparada para a súa cidade. Non é de descartar que, da mesma maneira que o pousado de Ana Obregón na praia era o chupinazo oficial do verán, o do Nadal, non xa en Galicia senón en todo o mundo que entenda castelán ou inglés internacional, acabe sendo o anuncio do primeiro edil vigués dos seus plans para quitarlle a París, aínda que sexa un mes ao ano, o título de "Cidade Luz". E segundo a expectación no caso de Obregón estaba en que bikini e en que compañía facía o primeiro baño no mar (no caso de que despois da sesión fotográfica se metera efectivamente no mar), no caso Caballero estará máis que no número de millóns de leds que cegarán as retinas de veciños e visitantes, na lista de cidades que deberán poñerse verdes de envexa, ou que idioma utilizará para mostrar o seu don de linguas.

Iso, o chupinazo de Papá Abel, é unha mostra máis de iso de que estas son unhas festas tradicionais é un lugar común sen demasiada demasiada base real, como tantos outros, polo menos na actualidade. E da mesma forma feito que o spot de Campofrío relevou como acontecemento catódico navideño ao da Lotería, igual que este relegara ao das burbullas de Freixenet, este ano desapareceron case por completo os papanoeles escaladores e asaltavivendas. Supoño que se acordarán deles. Balcóns e ventás estaban inzados daquela figura, en ocasións un tanto inquietante (non todas as reproducións do vellote que inventou un debuxante de cocacola a comezos do século XX conseguen reflectir o aire de humor e bonhomía do arquetipo). Ignoro de onde viña a moda -aínda que si onde se propagou: nos chinos-, pero apareceu con tanto forza que lembro un cura dunha parroquia de Carballo que repartía pósters do neno Xesús a tamaño considerable entre fegreses e quen quixera para contrarrestar, polo menos na capital bergantiñán, aquela intromisión -nunca mellor dito, tendo en conta o seu método de entrar- paganizante.

Pois ben, este ano os papanoeles escaladores non están, ou eu non os vin. Non sei se os trincaron por allanamiento de morada con agravante de escalo, están en folga pedindo seguridade no traballo, ou este ano non os serven aos chinos. Agora parece ser que a tendencia vén sendo a luminorrea, quizais polas influencias sumadas de Caballero e as dos chinos. O que está de moda son as grilandas de leds ou bombilliñas que cobren fachadas, balcóns, cornixas e valados. Ata vin unha instalación completa de reno con trineo e a neve debaixo, feita aproveitando a disposición das escaleiras de entrada a unha casa (espero que os habitantes non se electrocuten entrando ou saíndo). A verdade, se o vellote escalador non tiña moito xeito, toda esa exhibición de luminaria dálles ás vivendas que propagan o seu espírito navideño un certo aire de "casa alegre" de carretera. O párroco ese de Carballo vai ter un choio do demo (con perdón).