Atradicional instalación que representan un nacemento nunha nevarenta noite estrelada e de agoiros felices expresa o estado da cuestión cultural (ou acultural) dun pobo, cos conseguintes tinos ou desatinos, os feísmos que son efectos con causa. Iso si, en todas esas montaxes, e non podía ser doutro xeito, reina a inxenuidade, o instinto, o paradoxo, a desproporción e certa maxia, cuestións que forman parte da Teoría da Arte e de Galiza.

Deberamos saber que canto se refire á didáctica da vida de Cristo: cando unha familia vai a cumprir coa Lei, a empadroarse... e se lle nega pousada á parturiente pra ter nacemento nun cortello e todo o que sigue... como a do seu posterior Viacrucis, morte e Pascua Florida... está moi prendida na historia do franciscanismo en Galiza. En tempos góticos e de cantigas serviu de xeito anovador do panteísmo e poética priscilianista. Frades na vangarda, acompañando a caudillos en misións de conquistas e imperio polo mundo adiante.

Galiza, converxencia e diverxencia dos camiños dende unha tumba que se di apostólica, é onde mais se representan e dende moi cedo a Epifanía, aos Reis Magos, velaí o releve de Temes de Carballedo, Lugo, de sobre o ano 300, entre tímpanos e retablos nos que campa a Natividade e os tres magos que seguen a ilusión marcada no ceo polas estrelas, que poñen os pes no camiño e na aldea, que se axeonllan ante o neno... e arredor deles cantas cancións de Nadal, Aninovo e Reis, isto é vilancicos e panxoliñas -que son cousas diferentes as dos viláns e as dos anxos, o "pange-lingua"- haber hainos e cada vez menos, entre a teimuda arroiada comercial do "... mira como beben y beben y vuelven a beber...". Esquecementos propios deste noso País do Leteo, cando foi un país de magos e de meigas, de sabios, señores das estrelas, polos que o mesmo Urbano Lugrís deseñou e construíuse en Bueu un templo, esotérico, dedicado aos Tres Reis Magos, dos que o mesmo Valle Inclán fixo símbolo na súa literatura, que Melchores, Gasparas e Baltasaras foron nomes comúns nestes confíns... E agora, en tempos ateos e republicanos, os reis magos sofren a desleal competencia de espurios Papá Noel, Santa Claus... e outras fórmulas de cincentos olentzeros vascos de chapela ou Mary Poppins de paraugas e mesmo do hiperenxebre, montesío e courelá Apalpador, benéfico home do saco, repartidor de agarimos e castañas pilongas. Cousas veremos neste noso país tan afeito ás estampas, cando trunfan tantos xeitos de entroidos, enganos, performances ou postureos...

Aínda compiten as parroquias en quen ten máis grande, mellor e atractivo Belén. En mosteiros e sobre todo en clausuras e sancristías foron perdéndose figuriñas, escenografías encargadas pra esta eventual instalación, fermosos presepios napolitanos dos tempos dos virreis galegos, Castros, Osorio... dos que algunha mostra aínda queda por aquí, polo Bierzo e por Portugal.

Montaxes, desfogadeiros, nos que tamén se permite asomar á escatoloxía, e velaí que os cataláns popularizaron e importaron o caganer e rinse de María Santísma, do San Xosé xa non digamos e mesmo pode aparecer representado por algures un paiolo "gallego", facendo as súas falcatruadas de marxinados desherdados.

Entre os beléns galegos sentimos especial atracción polos deseñados por Camilo Díaz Baliño, escenógrafo, tal como gustaba titularse, ferrolán nacido en 1889, asasinado polo fascismo no 1936 . Dende o 1920 no seu taller da compostelán da rúa de Hortas tiraba das teorías de Murguía e de Vicente Risco para representar un imaxinario galego co que reafirmar a orixe, a orixinalidade dun país de occidente, atlántico, no confín de Vía Láctea, promiscuo á cultura oriental, en relación co universo británico, Artúrico: dólmenes, estrelas, trisqueles, meigas, magos, druidesas e bardos...Taller no que se valoraba tanto o xeito de facer como o xa feito... un dos "bos e xenerosos" dos que se cantan no Himno de Galiza, e a il, tan cristián, encadeárono, burlárono e asasinárono con outro pra deixalos nunha cuneta no camiño de Compostela. Camilo Díaz Baliño no ano 1924 por parte das Hijas de María de Ortigueira, recibe o encargo da escenografía pro Belén parroquial, o que agora, no Nadal do 2018 se volve a montar cunha introdución histórica por parte de Iria-Friné Rivera, doutoranda en temas sobre a Arte da Galiza antes de antes do terror da guerra. Tomando o exemplo de Ortigueira, no ano 1927, será o carismático sacerdote don Baltasar Pardal quen pra súa coruñesa Grande Obra de Atocha lle encargue a Díaz Baliño a escenografía pra outro Belén, as pautas serán semellantes ás de Ortigueira, as figuras de moda da época son as de barro dos talleres de Arte Cristiano de Olot, churrusqueira imaxinería con tan bo mercado nunha Galiza afeita ás devocións aos santiños. O orientalismo de desertos e pirámides, de zigurats e palmeiras cúbreo todo. O ceo pode sobre a paisaxe e esta sobre a paisanaxe.... Iso é o que se trata e que caracteriza a identidade galega, o que agora se reedescubre.

E entre os Beléns "artísticos" da Galiza de hoxe, quedámonos e sempre visitamos o que vimos nacer no 1967, por encargo da Asociación de Belenistas de Ourense: primeiro instalado baixo os soportais do Concello, despois no 1969 no Museo dirixido por Ferro Couselo, e no 1970 baixo o Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. Referímonos ao feito pola man de Arturo Baltar, un dos Artistiñas que con Xosé Luís de Dios, Xaime Quessada, Acisclo Manzano, García de Buciños e outros compartían dende a taberna de O Volteras teorías de ética, estética, as teimas orientalistas, os enigmas que van do caos ao cosmos e do porvir de Galiza dun don Vicente Risco, entón afundido nos anteollos do seu saber, da súas mesmas crenzas cristiáns e amedrentado pola ditadura. Instalación que foi medrando e que, dende o 1980, por iniciativa do Concello levouse a ocupar a capeliña do século XVI dedicada aos santos magos e alquimistas Cosme e Damián... bo encaixe entre as cousas da Galiza Meiga, a de Prisciliano, o nigromántico bispo Muñiz e doutros Magos, como tamén... e dis que polo sino das estrelas Valle Inclán, Castelao e Díaz Pardo morren en temos dos Magos, cando se pecha o ciclo do Belén e se anuncian primaveras. No 2010 fanse obras e ampliase a exposición coa obra de Arturo Baltar no edificio anexo á capela.

Belén de Ourense que representa un camiño iniciático: do terreal caos ao cosmos, algo moi risquián, a vida rural nas bocarribeiras, entre socalcos, soutos vimbios, a ermida do San Bieito de Cova de Lobo cos ritos do tarangaño, a torre de Vilanova dos Infantes, a Igrexa de Santa Eufemia de Ambía, San Mauro de Barbadás, os titiriteiros, o emigrante, os oleiros de Niñodaguia, o curro, o xogo da chave, a casa de lenocinio da Carlota, a Ramona do Pencas levando as maletas, o Chaviñas, o eivado Pepiño, o anxo anunciador será a fermosa Ramonita, unha moza baril de entón... o afiador, o castañeiro, un mundo que ten que ver coa A Esmorga de Blanco Amos, anos que viviron os Artistiñas de Auria... E sobre o mural, antes do 2010, campaba un mural de Quessada : a noite máxica na que os astros frotan no ceo e bótanse sobre a terra... A algún "sabio" do Concello non lle gustou por que "se comía al Belén y lo retiraron a los almacenes del Museo Municipal". Quessada e os demais Artistiñas axudan a policromar as figuras e Virxilio fixo uns frontais con temas relativos ao Nacemento e que cobren as xanelas laterais da capela. Lugar e tempo, ambiente no que atoparse coa maxia panteísta e a creatividade de Galiza.