Bos días! Pasado xa o Nadal, voltamos á teima de escribir sobre todo aquelo que nos chama a atención da cotidianeidade, tratando de entroncalo coa súa faciana social. Hoxe en galego, por aquelo de que imos falar de algo moi de Galicia, seguimos con esta fiestra aberta ao mundo e ás súas cousas e cousiñas. Pegadas da nosa contribución persoal e colectiva ao tempo que nos tocou por vivir e, máis importante, construír.

Vaia por diante o feito de que, en contra do que vaticinaba no anterior artigo, a Lotería non parou na nosa casa. Por tanto nin estou en Kuala Lumpur nin en Ipanema, cunha camisa de flores. Aquí estamos, sen maior novidade ao frente. Días familiares, tranquilos e pouca cousa máis. Xa saben...

E xa que eran días de soños, un xa tiña pensado que é o que faría se, de súpeto, tivese á súa disposición cartos dabondo como para afrontalo. Non é o caso da Lotería de Nadal, na que os premios verdadeiramente millonarios xa non existen. Recorden que, hai anos, o feito de que te tocase a Lotería significaba un cambio definitivo na túa vida e na de todos os teus. Hoxe a relación entre inversión e premio é moito máis aquilatada, de forma que os catrocentos mil euros que un pode acadar por un décimo premiado non dá máis que para mercar un piso medio no centro da cidade. Moi lonxe daquelas cantidades astronómicas que permitían mudar, dunha vez e para sempre, a situación económica de calquera familia media. A verdade é que se un quere optar a gañar un premio de forma definitiva e contundente, a Lotería de Nadal non é a mellor opción. Pero claro, cando un o fai por tradición, e é a única ocasión do ano en que xoga...

Pero, con todo, un xa fixo o exercicio de que faría se, de ser as cousas doutro xeito, tivese á súa disposición unha capacidade económica enorme. E, sobre todo, avaliando esto en termos de contribución ao colectivo, dando por feito a satisfacción das necesidades persoais e familiares, que neste caso son bastante mesuradas. Como querería un trascender á súa propia persoa, e propoñer ao conxunto un paradigma novo nalgunha materia, centrada en Galicia e con ánimo de abordar un problema crónico e sen solución previa?

Foi entón cando xurdíu a idea da Fundación para a mellora da paisaxe. Xa ven, cartos non hai, pero ideas si. O certo é que o aproveitamento dos bosques en Galicia dista moito da sostibilidade, con prácticas cortoplacistas e moi alonxadas do que se fai noutras zonas de España. Coñecen os marabillosos bosques de Soria ou de Navarra, por exemplo? Paga a pena facelo...

Nesta lóxica, a Fundación tería como obxectivo fundamental a contribución a deseñar unha paisaxe galega máis sostible, racional, xeradora de ingresos e, ao tempo, máis viable ambientalmente. E, para eso, a mesma precisaría dunha bolsa de terreo realmente importante, na que dar prioridade á plantación de especies autóctonas, de desenvolvemento a medio e longo prazo, e na que a explotación da madeira se fixese de forma selectiva e secuencial, sen as cortas totais ás que aquí estamos afeitos. Trátase dunha extracción continuada de exemplares de determinado porte e idade, sen que as masas boscosas sexan nunca cortadas no seu conxunto.

Quizais a actividade de tal Fundación podería ser, así, o xermolo que precise Galicia para, co tempo, mudar cara tal sistema moito máis selectivo de explotación, que nunca vai ter cabida desde o cortoplacismo actual na actividade silvicultora, servindo de exemplo para prácticas moito máis saudables para o conxunto. E precisamente a explotación das primeiras fases do seu solo cultivado podería ser, nalgunhas décadas, o motor para asegurar a sostibilidade real de tal obra, sen ánimo de lucro e cunha forte orientación á sostibilidade medioambiental e, coa fixación de poboación ao mundo rural, tamén social. A partir disto, hai moitas vías máis de traballo para a mellora da paisaxe. Que me din da rehabilitación dalgunhas casas de indianos, que hoxe son ruína, e que poderían ser fantásticos atractores de actividade e negocio?

Xa ven, xestión do patrimonio natural e, a partires de aquí, conxugación da necesaria visión ambientalista e, ao tempo, a posta en valor do noso campo. Esta era a miña aposta en caso de que esa inexistente megalotería tocara. Porque o outro, o de comezar un periplo sen límite de Ipanema a Kuala Lumpur, pasando por Hokkaido, Melbourne e mesmo a República Dominicana, íame cansar ben pronto. Eu son máis de orientarme a resultados, e non de troula e vagar...

Cartos non hai, porque falamos de que é moito o necesario e da Lotería mellor non falar. Pero non sei se están dacordo en que, paseniño ou con máis brío, pronto haberá que facer algunha cousa parecida. Noutros lugares funciona, e as nosas condicións para tal tipo de actividade son máis que boas. Por eso o comparto, convidándoos a reflexionar sobre tal cousa, importante e de calado na nosa contorna... Como plan b, como dixo a cantaora, con unha pesetiña cada un...