Saberán iso que din en China -quizais non todos, pero polo menos algúns- de "oxalá vivas tempos interesantes". Se non o saben, para iso me teñen. Os chineses, polo menos os chineses que iso din, non o din como unha invocación para que o interlocutor non se aburra e teña unha traxectoria chea de peripecias apaixonantes senón, pola contra, é unha especie de maldición light, porque consideran, con bastante razón, que os tempos interesantes están ben para que logo os estuden os historiadores, ou se fagan documentais e teses doutorais, pero para vivilos non hai como os tempos sen interese ningún. Pois estes, non sei se por culpa dalgún chinés mal intencionado, de varios, o porque cadrou, son tempos interesantes.

Tan interesantes, que se puidésemos chamar a calquera de nós mesmos de hai un ano, ou tiveramos a man a unha desas persoas de tanta utilidade nos guións, que espertan logo de estar un ano en coma ou durmindo, non ían acreditar no que lles contabamos. Por exemplo, a calquera que levara un mal golpe (é dicir, un bo golpe) o 29 de decembro de 2017 se lle contamos que Rajoy xa non é presidente, seguro que o primeiro que pregunta é se tivo un accidente, porque non se lle pasa pola cabeza que dimitira ou calquera outra circunstancia. (É máis, mirando cara atrás, eu cando escoito falar dun presidente que se chamaba Mariano Rajoy non estou moi seguro de en que restauración monárquica estivo á fronte do Goberno. Se con Alfonso XII, co XIII, ou con estes últimos de agora. Ben é certo que Rajoy é o primeiro presidente -ben, quizais tamén Zapatero- que foi para a casa caladiño e non se dedicou a andar tocando o zoco a propios e estraños, sobre todo a propios).

Tampouco crería o do coma, ou o do pasado, se lle contamos que leva seis meses de presidente Pedro Sánchez, aquel que acababa de recuperar a secretaría xeral do PSOE, e que neste medio ano xa lle deu tempo a ser un felón, un infame, un traidor á patria e un aliado dos totalitarismos (recollo soamente expresións que saen na prensa considerada seria, emitidas por xente mesmo con certo prestixio). E que a oposición está dividida en tres partidos de dereita que en caso todos pensan o mesmo, ou polo menos iso se deduce das declaracións dos seus líderes. O noso "encomado" de referencia xa coñecía a Albert Rivera, pero de seguro que pasmaría ao saber que o sucesor de Rajoy, aquel señor de orde que parecía alternar con Cánovas e Sagasta é aquel Pablo Casado que era o suplente de Rafael Hernando (non, non caeu un meteorito na sede de Génova 13 que acabou coa maioría dos dirixentes coñecidos). Tamén se faría cruces con que o terceiro partido en discordia fose aquel que tiña nome de editorial de dicionarios, e que revelou que había unha cantidade apreciable de xente que non soamente dicía barbaridades, senón que as pensaba e que votaba en consecuencia (ou que xa antes votaba en consecuencia, pero noutras siglas).

E aínda por riba o home -ou a muller- teríase deitado co Dépor na División de Honra e espertaría co equipo en Segunda. Como dicía non sei quen, hai anos nos que un non está para nada.