Moitas veces os pequenos detalles deixan ver realidades que as grandes declaracións distorsionan, ou directamente agachan. Furgando nas noticias destes días dei con unha non demasiado relevante (ou á que non lle deron demasiada relevancia). Unha señora sube ao bus público en Vitoria, da liña 7, e o condutor dille que está farto de repetirlle que ten que subir co patinete da nena pregado, e que ao día seguinte non a vai deixar subir ao bus se non o fai. A señora dille que a pequena ten necesidades especiais, e o chofer que tanto lle ten, que as normas son as normas. A señora ponse farruca e o condutor tamén bota por fóra (e do asento: vai discutir con ela no medio do bus). Pois fixeron ben en non darlle relevancia, dirá calquera. Non todos os días, pero seguro que todos lembramos enfrontamentos similares ou peores en circunstancias semellantes.

O que fai distinto o caso é que a señora é de pel negra e nacida fóra de España. No vídeo que unha pasaxeira subiu ás redes sociais, escóitase como acusa de racismo ao condutor e el responde que tanto lle ten, que como queira. No medio do rebumbio escóitase -porque como pasa sempre agora, hai un vídeo, pero vese pouco e escóitase menos- a un tipo, con voz de vello, que lle di, obviamente á muller: "Soy militar y llevo 20 años matando gente como tú" (onde traballou e facendo que o tipo este?!). A rapaza que fixo a gravación conta que houbo tamén outro pasaxeiro que lle berrou o kit racista completo: "Vete a tu puto país", "porque eres mujer que sino yo te daba" (pois se fose un home, e da altura habitual, menos lle ía dar); "Venís aquí y nos lo quitáis todo" (non sei se coñecen moitos senegaleses empregados de banca); "ojalá siguiera el ETA aquí ahora mismo"(!) "asco me dáis putos negros". A cousa chegou a tal punto que se tivo que pronunciar o alcalde da capital alavesa, que anunciou que non ía sancionar ao condutor "aínda que non actuou da mellor maneira posible", porque non cometeu infracción ningunha. O que si considera intolerable o rexedor vitoriano son os comentarios que houbo "que poden chegar a ser unha incitación ao odio".

O debate, polo menos entre os que comentan a cousa nos comentarios dos medios alaveses, está entre os que consideran que si foi unha actitude racista a do chofer e a dos que pensan que tan só pretendeu que se cumpriran as normas. A favor dos primeiros, está o argumento de que se o acusan de racismo e non de machismo (a pasaxeira era negra, pero tamén era muller) sería porque algo había na súa actitude, ou no que dixo que así o indica. A min paréceme máis convincente dar por suposto que ningún condutor se levantaría do asento para montarlle unha escandalera a unha pasaxeira se fose unha señora de Vitoria de toda a vida. Pero tamén é certo que o traballo de buseiro debe enervar a calquera, e entre o público, sexa no transporte público ou nas grandes superficies comerciais, hai xente que é como para metela debaixo das rodas. E ninguén, pasaxeiros ou condutores, necesita motivación última ningunha para ser maleducado. A todo isto, consultado o regulamento dos buses municipais vitorianos, non fala nada dos patinetes, soamente dos vultos ou paquetes que poidan ser molestos.

De todas formas, todo isto non pasaría de ser unha anécdota se non temeramos que isto pode ser a punta do iceberg que nos pode mandar a pique. O dato positivo é que ninguén defende ao suposto militar que dedicou 20 anos a matar xente como a pasaxeira (negras?, nais?, xente que sube aos buses sen pregar patinetes?).