Hai aspectos da paisaxe, que pese a ser comúns, de utilidade, de petar na ollada, están deixados de man dos difusores da ciencia ou da cultura. É o caso do vimieiro ou das vimbieiras que, no inverno, en fachos de lixeiras ramas marelas se estiran ao ceo nalgúns lameiros. Nin tan sequera se incluirá algún tipo deste salgueiro no catálogo das "árbores senlleiras", quizais polo seu porte de altura, o que raramente se deixa superar os catro metros, aínda que dentro das Salix, o xénero ao que pertencen os salgueiros, as Salix frágiles, a tan coñecida vimbieira ou vimieira, a dos vimbios ou vimes para a cestería, ananízase, bonsainizase para o seu mellor aproveitamento, cando podería acadar até os quince metros. Mesmo vimbieiras deixadas de man polos paisaxistas na súas intervencións ou no lands art. Algo que poida non pasar neses creadores que son portadores dun xeito de espírito santo que os levou a recoller aspectos deixados de man, pra reinterpretar paisaxes, escenarios, actividades... os máis pintores e fotógrafos, obra á que, ao cabo do tempo, acudiremos pra recompoñer aspectos do perdido. Asunto frecuente neste que se dixo ser o País do Leteo.

Salix, salgueiros, que medran por debaixo dos 800 metros do nivel do mar, de enramadas e perforadoras raiceiras que axudan a filtrar, a purificar as augas subterráneas, escollendo os lugares fríos, propicios á xeada, húmidos, fondos e farturentos pro cultivo. Xénero entre o que se teñen contabilizado máis de 300 tipos, como o Salix frágilis, Salix Alba ou salgueiro branco que si chega aos 25 metros, rectos, coa cortiza agrisada, e o que nos atinxe agora, o Salix viminalis, co codia do tronco irregular, rugosa, teixa, coas súas ramas erguidas, lixeiras, as follas estreitas e alongadas, tan cambiantes no decorrer do ano. Ramas, vimbios, tan usadas no rural, mesmo na arquitectura, hoxe reducida aos característicos "mobles de patio", de pendello ou de balneario... e xa non digamos pra os cestos... Ben sabían tamén as meigas curandeiras que a cortiza do Salix servía na medicina, panacea, pra dores musculares, pois conten salicina, compoñente da aspirina... rica tamén en tanino, tan cotizado pros curtidos...

Preferido e necesariamente complementario do xardín e do chalet é o salgueiro chorón ou salgueiro de Babilonia, coas súas ramas arcadas, caídas, tan romántico e reinterpretado polos paisaxistas ingleses... o das escenografías célticas, baixo o que se moven magos e fadas.

Menos mal que, recentemente, o Comité de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco e por iniciativa doutros países, pon en valor as construcións en pedra seca, as que caracterizan tantas construcións rurais, muíños, batáns, cortellos, fornos, valados e muros especialmente... solución coa súa razón de ser, pese á teima de encintar os perpiaños... Sistemas construtivos co seu inspirador brutalismo, tantas veces compañeiro no rural dos vimbios, especialmente en valados de tan diferentes xeitos construtivos, os que coutan propiedades, entre tantos outros sistemas pra lindar: marcos, valados de madeira, pero tamén cómaros, sebes... e entre estas pararemos nos vimes -especialmente cando hoxe levamos entre as orelleiras as sebes de tulla, pese a ser tan perigosa por condutoras e propagadora do lume, esquecendo o espiño, o aligustre e sobre todo o loureiro ou o ciprés, máis resistentes ao lume- e por suposto os emparrados e as referidas e útiles vimbieiras.

Engadindo a contemporánea insistencia en desecalo todo, cando as brañas e lameiros eran ademais atractiva fonte de vida pro gando... velaí nas súas inmediacións os petróglifos reclamando greas de cervos, cabalos, vacas... nacedouros con regos que vertían en ríos ou apozaban en lagoas, auténticas piscifactorías, en ocasións provocadas nas inmediacións dos castros... non dubidamos de que o Castro de Elviña, como outros, contou cunha importante braña no derradeiro século ocupada por varios recheos pra ramais viarios e urbanismo, tamén do Campus Universitario... o que sería entón paraíso de xuncos, vimbieiras, canas... a materia prima fundamental pra complementos da construción e pra cestería.

Cesteiros, xornaleiros itinerantes dunha pra outra banda, como os cordaneiros, os canteiros, os afiadores... Arte da cestería que, até a derradeira década do século pasado quedou reducida aos xitanos, entre tantas outras, pra deixar esta habilidade e con ela a variedade dos seus curiosos cestos. A propósito do conto botamos moi de menos un estudo profundo sobre os xitanos e a súa incidencia en Galiza, así como da caste bergantiñán dos moinantes... conservadores de organización e anacos de vivencias e fórmulas do pasado.

Vimbieiras pois que son cuestión de arqueoloxía da paisaxe, modalidade que nos leva a aspectos da etnoarqueoloxía e mesmo de arqueoloxía experimental... queda moito aínda que facer para reconstruír a paisaxe da prehistoria e da antigüidade, asuntos da madurez das ciencias que van en función da madurez dun país. Cuestión dos vimbios fundamentalmente etnográfica e da que mesmo puidéramos facer cuestión artística.

Varas lixeiras, de color marelo ou teixo do vimieiro, dando tonalidade á paisaxe dos lameiros, as que se cortan finalizado o outono, pra sécalas ao sol, logo atalas en feixes, despois poñelas a remollo, pra dobregalas e trenzalas pra eses cestos noutrora tan visibles naqueles espazos das feiras dedicados á cestería, a carón dos feixes das varas marelas dos vimbios, usadas pra máis aínda: pra despois da poda das vides, atar estas ás varas de mimosa pra conformar o emparrado, traballo artesanal. Sen esquecer que entre os xogos infantís, pola facilidade pra dobregalas, as varas de vimbio, eran as preferibles pra facer arcos e frechas, quizais seguindo o que se fixo na antigüidade. Mesmo a súa cortiza marela, elástica, a que se quita en febras, igual que as tiras de silva, servía pra atar e coser monllos de palla que en espiral conformaban outro tipo de artísticas cestas, sábeno ben en Bergantiños... Cestos que no pasado foron o xeito de transporte máis usado, adaptado como alforxas ás bestas, ao o carro... Queremos dicir que o vime ten a súa historia, coñécese o seu uso en Sumeria e Exipto, baste lembrar aquel episodio do Moises acabado de nacer e deixado a navegar sobre un canastrel polo Nilo... No enxoval de Tutankamon atopáronse obxectos deste material, mesmo unha cadeira. Sabemos tamén do seu uso no mundo céltico, tan propenso á cestería e ao tecido... que aínda que non se conserven, a tradición dos entrelazos, as secuencias xeométricas quedan representadas de xeito decorativo na metalistería, nass labras e moi especialmente na cerámica. Prácticas xeométricas e matemáticas que se facían igualmente co liño e la para o tecido, as cordas, etc... polas crónicas de viaxeiros grecolatinos, sabemos que na Galiza protohistórica, antes da chegada dos romanos, construíanse barcos con esqueleto feito de vimbio e recubertos de coiro embetumado... tema sobre o que Alonso Romero, polo 1977 practicou aspectos de arqueoloxía experimental. E máis non soamente iso, senón tamén como armazón de escudos, arcos e frechas estaban feitos de vimbios, tamén construcións de máis porte, aplicadas á arquitectura, como canizos envoltos en barro tal como aparecen as súas pegadas na arqueoloxía dalgúns castros... Pola etnoarqueoloxía supoñemos a existencia de patelas, canastros, gaiolas (as mesmas verbas expresan o xeito construtivo)... Por algo en Roma unha dos seus sete outeiros estaba dedicada aos vimes, a Collis Viminalis. Vimieiros que perduran en países con remol antigo, na Europa do Este, na península Ibérica na Alcarría conquense, materia prima para a cestería, en todo Portugal e especialmente en Galiza, preto dos viñedos...