O cuarto partido en Andalucía preséntase en Galicia, onde terán as expectativas que teñan, pero de momento son quen son, e ocupa primeiras planas. Da mesma forma, hai unha liorta nunha candidatura municipal en Madrid e xa están todos as seccións de política botando fume. Pois se queren xa lles adiantamos desde aquí o que vai pasar, que temos experiencia bastante nesas cousas.

O de que dous dirixentes se leven mal é universal. Claro que na maioría das ocasións, cando o amor rematou, disimulan e forman un matrimonio de comenencia. Foi o caso de Beiras e a UPG, de Felipe González e Alfonso Guerra, e tantos outros. O problema de Pablo Iglesias e de Íñigo Errejón é que, afortunadamente, xa non estamos nos tempos de manter as aparencias, e desgraciadamente, estamos nos da exhibición afectiva. O do líder de Podemos comezando a súa carta lamentando ter que abandonar a súa baixa paternal para afrontar a deslealdade do seu vello (é un dicir) camarada zumega dor e o de "Íñigo no es Manuela", para indicar que contra a actual alcaldesa o Podemos-oficial non vai presentar unha candidatura, pero contra Errejón si, é dun despeito de libro. Menos mal que non van ter que pelexar xudicialmente pola custodia de Monedero ou de Bescansa (que por outra parte, xa expresou as súas preferencias sobre con quen quería quedar).

Pero como lles dicía, isto aquí non é novidade ningunha. Pablo Iglesias sempre dixo que para erguer Podemos tivo a aprendizaxe da Alternativa Galega de Esquerdas, aos que axudara na campaña electoral. Debeu aprender máis do que el mesmo pensaba. Non creo que fose un caso de contaxio, porque hai un background ancestral nas formacións de esquerda sobre como facer con xeito La guerra de los Rose e poñerse a caer dun burro non en privado, como fan as parellas decentes, senón en público e en publicado, a berro limpo. Nesa fase estamos, cos espectadores como nos partidos de tenis, mirando dun lado ao outro, uns con pena e outros que non caben en si de contento.

En todo caso, a batalla de Madrid é un consolo para a xente de aquí. Había serios indicios de depresión xeneralizada nos ámbitos progresistas sobre a que parecía inutilidade organizativa das formacións de esquerda en Galicia. Vendo os extremos aos que se chega no Palacio de Correos da Cibeles e no chalé de Galapagar, sedes respectivas dos contendentes (penso nelas e as imaxino rodeadas de sacos terreiros e aramados), creo que non é para estar satisfeito, pero si para tranquilizarse un chisco. Esa exuberancia na descualificación do que antonte era o líder ou candidato -na descualificación pública, das descualificacións privadas ou en redes sociais xa nin falo-, unha negación tan radical do pan e o sal ao compañeiro aínda quente como a que practican ante os micrófonos os rupturistas -nunca mellor dito- mesetarios acadan un grao de acedume descoñecidos aquí. Quizais sexa pola mesma razón que nas tertulias de alí se sacan os ollos e nas de aquí os máis exaltados, como moito, inchan as veas do pescozo: hai que ser ben levados que seguro que vas coincidir na rúa, nunha voda ou nun enterro.

O que hai que cruzar os dedos é para que non se empecen a imitar eses usos do cainismo extremo, como pasa con outras modas, políticas ou non. Lembren: aquí facémolo antes, e logo por aí repíteno.