Xosé Andrés Cornide Saavedra e Folgar (1734 A Coruña-1803 Madrid) foi un dos sabios da Ilustración, á que Galiza tanto ten contribuído, pese a ocultarse: historiador, naturalista, economista, político e mesmo poeta en lingua castelán e galega. Preocupado polas linguas, entre as que falaba varias europeas, conseguintemente centrado na base da sociedade, na educación, nun saber práctico en relación co progreso. Cornide é figura cimeira da súa cidade, A Coruña, desa Cidade Vella que coroa a súa casa, todo un símbolo daquel tempo de pescudas, culminado pola rocalla do seu escudo, como abaneado polo vento das ideas.

Fidalgo formado en Humanidades na Universidade compostelán. Figura de teoría e máis praxe, dende os 21 anos xa honorario da Real Academia da Historia polas súas pescudas en arqueoloxía: as Cassiterides, os límicos e Idacio, autor do fundamental estudo sobre a Torre de Hércules, comisionado pola Academia como asesor nas obras dirixidas no faro romano polo enxeñeiro militar pacense, Eustaquio Giannini... Especialista sobre San Luis Rei de Francia, colaborador co Padre Flórez... como non, preocupado polo tema da pesca e da sardiña... rexedor da súa cidade e agasallado como rexedor perpetuo de Compostela, mediador entre a Real Audiencia; fundador no 1765 da Academia de Agricultura de Galicia, a que perdura até 1774, omnipresente nas roldas dos sabios cortesáns dos tempos carlosterceiristas. Tanto así que no 1789 establécese definitivamente en Madrid, como numerario e secretario da Academia da Historia. Autor merecente de maior atención, aínda con inéditos sobre a minería en Galiza, sobre temas vexetais que seguen as pegadas de Sarmiento, de crónicas de viaxes por Galiza e ao longo de Portugal, tramando aspectos estratéxicos e defensivos en relación co país veciño... estudoso de Caaveiro, dos límites de Galiza, dos correos marítimos, mesmo sobre palabras galegas. Merecente dunha biografía precisa e sobre todo da súa divulgación.

A Casa de Cornide érguese sobre a mesma croa da Cidade Alta, a carón da Colexiata de Santa María do Campo, co seu cruceiro do século XVI, relado pola erosión, de estirado e insólito varal, pra que se vexa dende o fonda da costa de Damas, onde tamén estivo o solar da casa na que naceu no 1869 o medievalista Ramón Menéndez Pidal, tal como se deixa constancia nunha placa cerámica deseñada polo artista Creo. Escenarios con estrela, da venerada venus ou Virxe da Estrela, cara aos que a solemne Casa de Cornide abre portal: baixo máis dous pisos, balconada de forxa e xanelas, fachendosa construción anunciando o Neoclásico, pese a que o seu escudo, cada vez máis roído polo paso do tempo, mantén as pautas do Rococó.

Construción de arredor do 1770 polo enriquecido en México Diego Antonio Cornide Saavedra, cumprindo así un capricho da súa muller. Mansión pois da vida de Xosé Cornide, tal como lembra no seu lateral unha placa de 1892 Loor eterno al sabio patriota gallego, di. Coidada arquitectura que segue pautas afrancesadas, máis preocupada por servir ao decoro urbano que ao seu uso como vivenda, atribuída ao arquitecto Francisco Llobet (1705-1785), formado na Real Academia Militar de Matemáticas e Fortificacións de Barcelona con significativa obra non só na Coruña, a Real Audiencia e a desaparecida Cárcere, senón tamén coautor do Arsenal de Ferrol e do seu barrio da Magdalena, do ensanche de Santander... Sabemos que o mestre de obras, seguidor da saga de canteiros construtores, é Xosé Fontenla.

Mansión antolóxica da Galiza do XVIII que non pasa desapercibida e tras dela unha ensombrecida historia. Sábese que no 1809, despois da batalla de Elviña, cando os franceses entran na Coruña, aquí estaban as dependencias do Concello da Cidade, pois a filla de Cornide vese obrigada a vender continente e contidos, pasando a biblioteca do ilustrado ao Real Consulado do Mar, tan fundamental na vida do Ilustrado e no liberalismo coruñés. Dende entón mudan os usos do inmoble, mesmo dado o pequeno espazo, pese á arrogante fachada-telón, e para uso como Escola dos Tomasinos, engádese pola rúa Veeduría unha pequena vivenda, aínda así a superficie total edificada suma pouco máis dos 200 metros cadrados. Polo catastro sábese que no 1904 a propietaria é dona Carme Vázquez Pardo que vende a casa.

As forzas vivas da cultura de 1948, encabezadas polo director do Museo de Belas Artes, o pintor Seijo Rubio, coñecendo que tan singular inmoble está á venda, promoven unha campaña pra adquirila, propondo dar sitio nela á biblioteca da Coruña, asunto que é votado e aprobado en pleno do concello. Tense constancia que se mercou e que no 1949 a casa pertence ao Estado. No 1951, o arquitecto Peregrín Estelles realiza planos para establecer nela un Conservatorio de Música, pero o espazo resulta insuficiente, polo que se permuta por outro, de propiedade municipal na Zona Escolar.

No 1961 consta que o edificio é do Concello da Coruña e que no pleno do Concello da Coruña de de 3 de xullo de 1962, presidido polo alcalde Sergio Peñamaría de Llano, acórdase alleala en poxa publica e non en menos de 297.228,43 pts, pola que fora taxada en permuta ao Ministerio de Educación Nacional. En Acta da Sesión extraordinaria do Concello, celebrada en 2 de agosto de 1962, dáse conta que o mellor ofertante foi o omnipresente empresario galego e financeiro Pedro Barrié de la Maza, con 305.000 pts. Desexando transmitila a dona Carmen Polo e Martínez Valdés, esposa de Franco, pra unha das súas residencias. Establécense unha serie de condicións, especialmente sobre a conservación do inmoble artístico, entre elas interesa a cuarta que di " relevar al comprador, Sr, Pedro Barrié de la Maza, das prohibicións de allear... o que por tanto non se inserirá en compra venda...".

Ao facer "memoria histórica" destes capítulos coruñeses faltan pezas do crebacabezas, mesmo aparecen paradoxos que dan lugar a suposicións, como que o Concello paga obras de rehabilitación do inmoble, realizadas polo construtor Manuel Longueira, antes de ser adxudicada en poxa pública e que superan en cinco veces o que se pagou polo inmoble. Ao respecto o arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella documentou estes aspectos nun informe solicitado recentemente polo Concello. Por testemuñas parece ser que o arquitecto que guía este proxecto foi o director do Patrimonio Nacional, Ramón Andrada Pfeffer, que mesmo usará, para alongar os laterais da fachada da Casa Cornide, material construtivo do derribado Hospital da Caridade, en Zalaeta, os que corresponden en estilo e época, dando unha axeitada solución, e nos que inclúe a mesma entrada ao garaxe pola rúa de Veeduría.

Popular Casa de Cornide na que, despois do pasamento do ditador, 1975, alternando coas Torres de Meirás, pasou veráns a súa beneficiaria e seguen os seus herdeiros, onde se acometeron obras de mantemento, ascensor... espazos arredor dos que se inspira e, con lóxica, medra a lenda urbana. O que si sabemos é que as dúas esculturas do taller do Mestre Mateo, pertencentes ao contrapórtico da Gloria da Catedral Compostelán, que tamén se di "regalo" do Concello de Compostela..., estiveron aquí...entre todo un repertorio de antigüidades e máis regalos...

Historiadores, pescudas e debate non faltarán pra, ao cabo dos anos, poñer a cadaquén no sitio que lle corresponde na Historia.