Deixounos Vicente Álvarez Areces, unha figura fundamental para entender o socialismo español postransición. Tiven a fortuna de coñecelo na homenaxe que se lle rendeu ao avogado Rafael Bárez no Teatro Rosalía de Castro, vai para dous anos. Un grupo de amigos, xunto coa viúva e compañeira de Rafa, organizaron aquel acto no que se presentou o libro que o avogado e militante contra o franquismo escribiu no cárcere de A Coruña. Xusto nese cárcere comeza a amizade entre Bárez e Areces. Ambos compartiron a friaxe e o maltrato nesa prisión que é unha neveira fronte o mar e onde os presos políticos estaban especialmente vixiados. Aquel día no teatro impresionoume o que dixo, pero tamén como o dixo, sen estridencias, cunha voz vibrante pero serena, a voz dun home que ten vivido e visto moitas cousas. Foi senador e ocupou, con intelixencia e brillantez a portavocía do PSOE na cámara alta, mais desde o punto de vista político, Vicente Areces será recordado como unha persoa e un político amante das súas orixes. Era asturiano ata a médula. Foi presidente de Asturias durante tres lexislaturas e alcalde de Xixón durante doce anos. Asturias e a cidade na que naceu sufriron durante os seus mandatos un cambio asombroso. Foron as súas políticas as que permitiron que o feísmo non penetrase en Asturias e que os territorios de montaña conserven esa beleza intacta, case virxinal. Xixón viveu con el un estoupido de vitalidade. Pola cidade pasaron grandes bandas de música e grandes orquestras, impulsou o festival de Cine de Xixón e foi o que lle encargou a Chillida a súa obra Eloxio do horizonte que se instalou no emblemático cerro de Santa Catalina. Un home clave para entender as revoltas estudantís en Galicia, mormente en Santiago de Compostela. É un home querido non só polos seus amigos e compañeiros de partido senón tamén polos seus rivais. Vaian estas tres perlas: "Un home afable e querido que fixo do servizo público a súa vocación e que traballou toda a súa vida por Asturias" (Pablo Casado), "Perdemos a un servidor público infatigable" (Ana Pastor), "Desgraciadamente non abondan estas persoas, tanto na calidade humana como na política"(Pío Escudero). E así é, estas calidades son as que me transmitiu no noso breve encontro, aló no Teatro Rosalía de Castro. Estar con el era respirar fresco, limpo, humano. Todo isto é o que perdemos e o que perde o Partido Socialista que precisa, con urxencia, a aparición de personalidades e de persoas deste talante e desta altura. Vaia desde esta columna a miña admiración e o meu pequeno homenaxe á figura de Vicente Álvarez Areces.